Adams considera o encontro co príncipe Carlos “un paso simbólico e práctico” para a reconciliación

Carlos de Inglaterra e o presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, saudáronse nun acto en Galway (República de Irlanda). Un xesto cun forte simbolismo nunha xornada na que o pasado volveu estar presente.

prince-charles-gerry-adams

Gerry Adams confesou nas súas memorias que perdera a conta dos enterros aos que tivo que asistir, non xa como cargo ou presidente do Sinn Féin, senón como familiar, amigo e veciño de persoas mortas pola policía e o exército británico en Irlanda do Norte nos anos dos ‘troubles’, como se denominaba ese período do conflito británico-irlandés. Un exército no cal Carlos de Inglaterra posúe cargos de gran importancia e forte simbolismo.

O príncipe Carlos ten presidido funerais de soldados e policías británicos caídos na ‘guerra do Ulster’ en accións do IRA ou do INLA. Un conflito que lle tocou especialmente de perto cando o IRA facía voar en 1979 polos aires o iate do seu tío favorito, Louis Francis Albert Victor Nicholas George Mountbatten, I conde Mountbatten de Birmania.

Ambos os dous coincidiron esta terza feira nun acto en Galway, na República de Irlanda, nun acto da Universidade. Déronse unha aperta de mans e intercambiaron unhas breves palabras. Foi o primeiro cara a cara entre un dirixente do Sinn Féin e un membro da Familia Real Británica na República de Irlanda desde 1920. “É un paso simbólico e práctico a prol do proceso de reconciliación e de paz”, explicou Gerry Adams, nunhas declaracións recollidas por An Poblacht..

O País do pasado sempre presente

O poeta Seamus Heaney dicía que ninguén sabía odiar como os irlandeses, porque para eles o pasado de humillación, opresión e colonización estaba sempre presente. Dicíao con orgullo irlandés. A visita do Príncipe Carlos volveu unir pasado e presente en Irlanda do Norte. Carlos de Inglaterra é coronel en xefe do rexemento de Paracaidistas do Exército británico. Un destacamento odiado por non poucos irlandeses ao nivel dos brutais ‘Black and Tans’ dos anos 20 – para-militares adicados a unha guerra suxa contra o nacionalismo- ou de Oliver Cromwell -conquistou Irlanda en 1649 a sangue e lume-.

Foron os rexementos de paracaidistas os que causaron a masacre coñecida como ‘Bloody Sunday’, cando asasinaron a 14 civís desarmados en Derry. Foron tamén, uns poucos meses despois, os que repetiron idéntica masacre en Belfast, matando 11 civís, na coñecida como ‘Masacre de Ballymurphy’. Familiares das vítimas concentráronse contra a visita de Carlos de Inglaterra, nun acto que contou coa presenza do Sinn Féin, que asegurou que apoiará sempre estas familias na loita “para que se faga xustiza”. Entre estes, os familiares, houbo tamén voces que recriminaron o xesto de Adams co Príncipe Carlos.

Comentarios