Australia quer fechar as comunidades aborixes e desprazar os seus habitantes

Ampla resposta e mobilización popular contra o plan do goberno de clausurar 150 das 274 comunidades nativas e reubicar os indíxenas noutras zonas.

ABORIXENES1

Milleiros de persoas están a tomar parte nas mobilizacións, protestos e manifestacións que están a decorrer en Australia en rexeitamento do plan do goberno para fechar comunidades indíxenas e reubicar os seus habitantes. Unha decisión que o primeiro ministro australiano, o conservador Tony Abbott, xustifica co argumento de que “non se pode subsidiar para sempre” certas opcións “de estilo de vida”. Melbourne ou Perth foron dúas das cidades onde nestes días decorreron amplas mobilziacións contra o proxecto do estado de Australia Occidental.

O plan prevé clausurar 150 das 274 comunidades nativas e procurar nova ubicación para os indíxenas que as habitan. Tammy Solenec, activista dos dereitos indíxenas, aclarou que os aborixes e indíxenas que habitan en zonas remotas e isoladas lévano facendo desde hai séculos e que manteñen unha “forte conexión” espiritual coa terra. Advertiu do impacto e consecuencias de lles obrigar a deixar o que para eles e elas é “a súa Patria”.

#Sosblackaustralia

O HT #sosblackaustralia é o escollido para espallar nas redes sociais a loita contra o fecho das comunidades, unha mobilización na que toman parte non só colectivos e entidades indíxenas ou de defensa dos seus dereitos. Mesmo famosos como o actor australiano Hugh Jackman se sumaron a esta campaña. @sosblakaust ´a conta de twitter.

Mais o combate non se dá só nas redes: hai manifestación, encerramentos, protestos...Algunhas corporacións municipais (caso da de Ngarluma) xa anunciaron que fecharán as portas o 1 de maio en solidariedade coa loita contra o plan do goberno.

En Australia hai 670.000 persoas ‘indíxenas’ segundo o censo da Oficina Australiana de Estatística: 600.000 son aborixes australiáns e uns 40.000 ‘isleños’ do estreito de Torres e 26.000 compartan ambas as súas identidades. Suman apenas o 3% do total de persoas que viven en Australia, 22 millóns de habitantes.

Aborixes e pobos indíxenas de Australia sofren "patróns de opresión e racismo, que inclúen a desposesión de terras e os embates contra a súa cultura", según o relator especial da ONU, James Anaya.

Comentarios