A autonomía máis pequena do mundo reclama o seu dereito á auto-determinación

O 68% dos votantes na consulta feita en Norfolk, illa sob soberanía de Australia, dixeron si a un referendo para escoller o seu modelo de goberno. Camberra pretende suprimir a asemblea lexislativa de Norfolk e o seu goberno en 2016.

911564-norfolk-island

Norfolk é unha illa de 34 quilómetros cadrados e 2.100 habitantes, situada a mil millas ao leste de Australia. É posibelmente a autonomía máis pequena do mundo, un sistema que exerce desde 1979, baseado nunha asemblea lexislativa e un goberno. Mais Camberra quer suprimir en 2016 esa asemblea e goberno e cambialos por un consello rexional, con moitas menos competencias. E iso non prestou nesta illa pequena, coñecida por dar nome a un piñeiro moi demandado na construción e que ten 2 linguas oficiais: o inglés e o Pitkern-norfuk (un crioulo mistura de inglés e tahitiano). En resposta ao anuncio australiano o goberno de Norfolk convocou un referendo non vencellante para que os habitantes decidisen se eran ou non partidarios de exercer o dereito de auto-determinación.

Esa consulta vén de se realizar e deitou un resultado claro e inequívoco: o 68% dos votantes dixeron si a un referendo de auto-determinación. O goberno de Norfolk xa anunciou que se vai poñer en contacto con Camberra para darlle a coñecer oficialmente os resultados. Lisle Snell, primeiro ministro, dixo:“Fica claro que queremos ter a palabra para decidir o modelo futuro de goberno desta illa, e non un modelo que nos sexa imposto”. 

Comentarios