Batalla por un dereito humano chamado auga en Detroit

As autoridades municipais anunciaron que van cortar a auga a ducias de milleiros de familias por retraso ou impagamento de recibos nunha cidade declarada en bancarrota e sumida nunha profunda crise. Varios colectivos pediron a intervención da ONU.

detroit auga EUA

A finais de 2013 un xuíz aprobaba a declaración de bancarrota, a maior dun concello na historia de Estados Unidos. Ficaba así ao ar a profunda crise que batía desde hai anos a esta cidade, noutrora orgullosa abandeirada do ‘american way of life’ da man da potente industria do automóbil. Unha cidade arrasada, con 700.000 habitantes (a metade das que tiña na década dos 60), unha taxa de paro que triplica á do dous mil e coa pobreza e a misera estendéndose polas rúas.

“O que acontece con estes cortes de auga é un crime” afirma M. Barlow, ex-asesora do presidente da Asemblea Xeral da ONU

Sete meses despois, a veciñanza de Detroit está a protagonizar unha batalla na defensa dun dereito humano: o da auga. Faino ás portas dun verán que se prevé asfixiante no estado de Michigan. E nesta batalla mesmo os e as veciñas chegaron ante a ONU. Desde marzo, as autoridades cortan o suministro de auga a unha media de 3.000 persoas nesta cidade e a súa contorna.

“Cumprir a lei”

A comezos de xuño a cámara municipal decidiu un novo aumento na taxa de auga (o 8,7 %). Nesta década o recibo multiplicouse un 117 por cento. Dos 323.000 persoas abonadas ao Departamento Municipal de Auga e Saneamento de Detroit, por volta de metade ou non pode pagar o recibo ou acumula retrasos. As autoridades xa advirten que van facer ‘’cumprir a lei” e cortar a auga a aqueles que adebeden máis de 150 dólares ou teñan 6 meses de retraso.

“A peor violación do dereito humano á auga que vin”

Colectivos e plataformas sociais da cidade piden a intervención da ONU. Representantes da veciñanza de Detroit interviron na sede das Nacións Unidas expoñendo a realidade actual e o desastre qiue suporía ese corte de auga. Detroit Water Brigade (DWB) é unha das plataformas máis activas na defensa dod ereito á auga para tod@s.

Dos 323.000 persoas abonadas ao Departamento Municipal de Auga e Saneamento de Detroit, por volta de metade ou non pode pagar o recibo ou acumula retrasos

“Visitei Detroit hai unhas semanas e fiquei terribelmente preocupada”, manifestou a IPS Maude Barlow, fundadora de Blue Planet, organización que defende o acceso á auga comod ereito humano. “Os cortes van afectar a milleiros de persoas, na súa maioría afro-americanos”.

“Esta é a peor violación do dereito humano á auga que vin fóra dos barrios tugurizados nos países máis pobres dos países do Sur”, dixo Barlow, quen foi asesora do presidente da Asemblea Xeral da ONU entre 2008 e 2009.

Machacar o pobre

Mary Grant (investigadora de Food and Water Watch) afirma que as “tarifas de auga son regresivas, pois os fogares de baixos ingresos pagan unha cantidade excesiva dos seus ingresos polo servizo. E as tarifas están a subir”, afirma en IPS.

"Detroit é o que nos depara o futuro"

“Detroit é o que nos depara o futuro se non comezamos a cambiar as cousas”, advirte Maude Barlow. “O que acontece con estes cortes de auga é un crime”. 

Comentarios