O Bloque Quebequés inicia unha “campaña permanente” pola independencia até os comicios de outubro

O partido de Gilles Duceppe, cun 26% de intención de voto nas enquisas, quer recuperarse da forte caída sufrida nas eleccións de 2011.

quebec

O Bloque Quebequés comezou unha “campaña permanente pola independencia” que vai estender, como pouco, até as eleccións federais canadianas do 19 de outubro, segundo informa a web Nationalia. Nesta campaña o BQ vai empregar un argumentario no que explica as principais razóns polas cal, segundo o partido, @s habitantes de Quebec deben decidirse pola independencia. Dereito a decidir, prosperidade económica, apertura de Quebec ao mundo, calidade de vida, acollida e inclusión de inmigrantes... son algunhas das cuestións que figuran nese argumentario.

Nos comicios canadianos de 2011 o Bloque apenas apañou 4 dos 75 escanos que se elixen en Quebec. Un resultado “nefasto”, tendo en conta que na anterior cita coas urnas obtivera 49 deputad@s.

Porén, e segundo Nationalia, o BQ agora quer recuperar un papel máis destacado na Cámara dos Comúns de Canadá, nomeadamente perante a perspectiva de que os 3 principais partidos canadianos (conservadores, liberais e neo-demócratas) obteñan un resultado moi parello e ningún deles atinxa a maioría absoluta.

Até hai poucas semanas as enquisas sinalaban unha intención de voto no Quebec para o BQ de entre o 13 e o 16 por cento. Mais os independentistas decidiron volver situar Gilles Duceppe á fronte da candidatura: en tan só un mes a intención de voto situouse entre o 25 e o 26% dos votos. O partido máis votado en 2011 no Quebec fora o NPD (Novo Partido Democrático) co 43% dos sufraxios. As sondaxes daríanlle agora menos do 36%.

Comentarios