Bretaña dá pasos cara ao dereito a decidir "diga o que diga" París

Máis de 30.000 persoas manifestáronse en Nantes contra a división de Breizh. Colectivos e plataformas acordan impulsan referendos municipais sobre a reunificación do país e por máis autogoberno.

breizh

“Xa abonda. Somos bretóns, non parvos”. Esta era unha das ducias de lendas que se podían ler nas numerosas faixas que esta fin de semana percorreron Nantes durante unha masiva manifestación (13.000 asistentes segundo a policía, 35.000 para a organización) contra a división deste país. A marcha, convocada por diferentes colectivos, entre eles Breizh=44, tiña como demanda pedir a reunificación dos catro departamentos que actualmente conforman a rexión de Bretaña co de Loira Atlántico (rexión de Pays de Loire). Unha reclamación desde hai décadas dos e das bretoas, que lembran que estes cinco departamentos son os que históricamente compoñen Breizh, e que a súa disgregación en varias ‘rexións' responde a unha decisión de París por diluír o seu país. A manifestación exixía, inciden os e as convocantes, ‘respecto’ para o país bretón e o seu dereito a decidir. 

Diferentes colectivos e plataformas anunciaron durante esta multitudinaria marcha que se vai activar unha vaga de consultas e referendos populares en diferentes concellos de Breizh para que os e as cidadás opinen sobre a reunificación. A iniciativa sumou a independentistas bretóns, nacionalistas e tamén a membros da esquerda anti-capitalista francesa, así como a plataformas ambientalistas ou polos dereitos sociais. Dibab-Décidez la Bretagne toma o leme nesta iniciativa, que nace, afirman impulsor@s, "sen medo ao que diga París".

“Que o pobo fale”

Segundo o recoñecido activista bretón Yann Choucq, a reunificación é a pedra chave sobre a que recuperar a soberanía do pobo bretón e poder facer unha outra política claramente de esquerdas. Así o manifesto nunha entrevista en Nationalia, na que xa deixaba entrever hai unhas semanas a importancia de impulsar as consultas populares sobre a reunificación.

O movemento pola reunificación quer impulsar dinámicas de base e populares sen agardar polas institucións, por entender que nun Estado tan centralizado coma o francés esas institucións están ao servizo da 'grandeur' francesa e non do pobo bretón.

Comentarios