Candidatura de unidade bretoa para as eleccións ‘rexionais’

A UDB e Breizh War Raok concorrerán en coligazón á cita de decembro coa aspiración de superar a barreira do 10% dos votos e pasar, por vez primeira para o nacionalismo, á segunda volta.

As bases da principal forza política do nacionalismo bretón, UDB (Unión Democrática Bretoa) aprobaron a proposta de confluír nunha candidatura de unidade con Breizh War Raok, o partido bretonista do activista Christian Troadec, alcalde da vila de Karaez e un dos líderes do movemento ‘gorros vermellos’. Unha listaxe unitaria para as eleccións ao Consello Rexional de Breizh (Bretaña), comicios que terán lugar o mes de decembro. Segundo recolle o dixital Nationalia, o obxectivo que se marcan os integrantes desta candidatura é pasar á segunda volta e amosar que o nacionalismo poder ser chave na política do país.

O apoio entre a militancia da UDB a esta confluencia foi dun 73%. Un importante cambio na liña desta formación nos últimos anos, centrada en acordos pre-electorais co Partido Socialista e Os Verdes. Mais agora apostan nunha “plataformas que agrupe as forzas de progreso por Bretaña”. Fontes consultadas por ‘Nationalia’ indican que nas bases da UDB había descontento con esa colaboración co PS, pois o partido non fixera nada para dotar de autonomía a Breizh ou por lograr a reunificación.

Mais tamén, sinalan esas mesmas fontes, hai recelo na militancia nacionalista cara á C. Troadec, malia recoñecer a súa ampla popularidade. De feito, a UDB fai fincapé en que ten de ser unha ''candidatura de esquerda bretoa".

As eleccións rexionais despútanse en base a un sistema de dupla volta. Se na primeira ningunha das forzas atinxe a maioría absoluta, as candidaturas que acadaran un mínimo do 10% dos votos pasan á segunda volta. Esa é a barreira que esta coligazón quere superar. De conseguilo, entraría con grupo propio no Consello Rexional.

Comentarios