Todo apunta a un desenlace de foto finish este 8N

Clinton e Trump chegan ao sprint final en empate técnico nos Estados chave

Non hai minutos lixo neste choque pola Casa Branca, a se decidir esta terza feira 8N. O acceso ao Despacho Oval pasa por Florida e por Carolina do Norte. A carreira dispútase palmo a palmo e Trump ten depositadas as súas esperanzas neses dous swing states, estados indecisos que poden desequilibrar a balanza. Na madrugada desta cuarta feira sairemos de dúbidas.

campaign

A campaña chegou ao seu fin e este 8N o eleitorado estadounidense decidirá que persoa vai ser a ou o comandante en chefe da superpotencia imperial. A situación para Trump é a seguinte: se perde en Florida e Carolina do Norte, está liquidado. Se gaña, ten serias opcións de se impor na carreira, embora precisaría vencer en no mínimo un estado tradicionalmente demócrata. Neste momento, vai por detrás nos inquéritos quer en Florida quer en Carolina do Norte, mais a unha distancia de entre un e dous pontos. Ou sexa, un virtual empate técnico.

Unha sondaxe da Universidade de Quinnipiac, divulgada por The New York Times, outorga a Clinton o 46 por cento do voto en Florida, face o 45 de Trump, en tanto que en Carolina do Norte o tanteo a favor da demócrata sería 47-45. En ambos casos, unha lixeira corrección, dentro da marxe de erro do inquérito, daría a vitoria a Trump.

A campaña chegou ao seu fin e este 8N o eleitorado estadounidense decidirá que persoa vai ser a ou o comandante en chefe da superpotencia imperial

En 2000 o Estado de Florida caíu do lado republicano por apenas 548 votos (con indicios de pucheirazo evidentes ao seren anulados votos ao demócrata Gore). Os técnicos demoscópicos da Universidade de Quinnipiac prognostican que a distancia entre os candidatos será neste caso maior do que naquela altura, mais en todo caso será tan estreita como para que o escrutinio se prolongue até ben entrada a madrugada deste 8N.

A exoneración de Clinton por parte do FBI confire certa vantaxe á demócrata nos metros finais da carreira

No conxunto dos EUA, o vento sopra algo máis claro nas velas de Hillary Clinton, sobre todo despois de o FBI ter comunicado ao Congreso que as novas pesquisas sobre o correo electrónico privado da ex secretaria de Estado confirman que non existirían indicios de conduta delituosa.

No sprint final, Clinton decidiu correr en Michigan, na compaña dun Barack Obama que nos últimos días se envorcou na campaña. Por súa parte, Trump visitou catro estados, os decisivos Florida e Carolina do Norte, ben como tamén Pennsylvania e New Hampshire.

Os inquéritos divulgados nas últimas horas colocan Clinton por diante de Trump no conxunto dos EUA. Bloomberg outórgalle unha vantaxe de tres pontos e Fox -canle conservadora que está a facer campaña polo republicano- eleva a marxe até os catro.

Os grupos sociais que apoian Clinton son basicamente as mulleres, a xente moza, as minorías raciais (máis a comunidade latina que a afro-americana) e as persoas brancas de alta cualificación académica, mentres que Trump ten os seus apoios entre a clase traballadora branca empobrecida e os cristianos evanxelistas.

En todo caso, non hai que esquecer que a diferenza da República francesa nas eleccións dos EUA non rexe a norma de unha muller/un home/un voto, senón que son os votos eleitorais dos estados os que outorgan a vitoria ou a derrota. Cumpre lembrar nese sentido o precedente de 2000: Bush Jr. conseguiu máis votos eleitorais do que Gore, mais menos votos populares.

Comentarios