O Congreso Nacional Africano (CNA) fica lonxe da maioría absoluta mais continuará gobernando Suráfrica como acontece desde 1994. A formación mantense como primeira forza do país co 40,2% pero sofre un retroceso moi importante nas eleccións da cuarta feira cuxos resultados case definitivas veñen de coñecerse
O CNA non chegou no mellor momento a estes comicios. Á delicada situación económica nun país, onde a democracia económica non chegou após o final do apartheid a comezos dos anos 90 do século pasado, súmase a división interna do CNA, que deu orixe a aparición de dúas novas formacións que se teñen convertido nas grandes vencedoras deste último proceso electoral.
Lanza da Nación
A primeira delas, está impulsada polo anterior presidente do país, Jacob Zuma, que en 2018 foi apartado da xefatura do Estado e expulsado do Congreso Nacional Africano. A formación de Zuma, compañeiro de presidio de Nelson Mandela nos anos 60, Lanza da Nación, denominación da antiga organización armada do CNA nos anos de loita contra o apartheid, logra o 14,6% dos votos
A formación centra a súa proposta programática na demanda dunha viraxe na política económica. Neste sentido, aposta pola nacionalización dos sectores estratéxicos da economía e dos grandes latifundios agrarios, propiedade das elites brancas do país. O seu voceiro, Nhlamulo Ndhlela, xa ten amosado a disposición a chegar acordos co CNA “pero non co CNA de Cyril Ramaphosa”, actual presidente do país, a quen acusan de posicións neoliberais no económico.
A outra gran triunfadora da xornada é a organización Loitadores pola Liberdade Económica con 9,4% dos sufraxios. A formación está liderada por Julius Malena, máximo responsábel nas mocidades da Congreso Nacional Africano na primeira década deste século, que rompeu coa formación en 2013 acusándoa de non querer mudar a estrutura de poder do país en mans dos brancos.
Loitadores pola Liberdade Económica
Loitadores pola Liberdade Económica, de carácter nacionalista e marxista, reclama que o Estado se faga cargo dos sectores estratéxicos da economía e unha redistribución da riqueza que iguale á poboación negra coa branca. Malema ábrese a apoiar ao CNA, mais matiza que “non estamos desesperados e non cederemos nas nosas reivindicacións nin nos nosos principios”.
Lanza da Nación e Loitadores pola Liberdade Económica descartan calquera tipo de acordo coa Alianza Democrática, a formación das elites brancas e herdeira do antigo Partido Nacional, gobernante durante as décadas do apartheid, que alcanza o 21% dos votos.
O proceso electoral en Suráfrica foi seguido con moita atención a nivel internacional. O país é unha das primeiras potencias do continente africano, xogando un papel de relevo en defensa dun mundo multipolar como integrante dos BRICS. Neste sentido, a foto final dos comicios non indica cambios na súa política internacional.