O conselleiro rexional de Aquitania inicia unha greve de fame a prol do occitano

“Os signos de menosprezo do Estado francés cara á nosa lingua continúan e se multiplican”, denuncia Dàvid Grosclaude. Esta sexta feira haberá unha manifestación no seu apoio.

david_grosclaude occitania

O conselleiro rexional de Aquitania de linguas rexionais, Dàvid Grosclaude, comezou esta cuarta feira unha greve de fame “a prol da dignidade e lexitimidade” do idioma occitano, segundo informan medios franceses e Nationalia. Grosclaude tomou a decisión de iniciar esta protesta perante “os signos de menosprezo do Estado francés cara á nosa lingua, que continúan e se multiplican”. A pinga que rebordou o vaso foi a ausencia de resposta por parte dos servizos do Estado galo sobre a Oficina Pública da lingua occitana, un proxecto aprobado pola asemblea de Aquitania en xuño de 2014. A OPLO sería un organismo público que tería a tarefa de definir unha política pública a prol do occitano, en colaboración con colectivos e entidades.

Mais hai un bloqueo do estado, sinala Grosclaude, a este proxecto, un bloqueo que, di, sempre aplica a cuestións a ver coa promoción e dignificación do occitano. Para denunciar a situación iniciou a greve de fame. “É unha acción a prol da dignidade e da lexitimidade do noso compromiso polo recoñecemento do idioma occitano”.

Entidades como o Partido Occitano, entre outros, convocaron para esta sexta feira unha manifestación en apoio ao conselleiro rexional.

Movemento polos Dereitos Lingüísticos ‘Falantes’ lembraba en 2012, co gallo dunha gran mobilización a prol do occitano, que a situación legal dos falantes de occitano non era uniforme xa que a lingua se estende por 3 estados europeos diferentes. En Francia, afirmaban, non se teñen sequera datos fiabeis do número de falantes, que se estima pode roldar o millón e medio. Malia existiren iniciativas privadas como as Calandretas, -escolas bilingües-, a política lingüística francesa seguía centrada na exclusiva promoción do francés.

Comentarios