O copiloto agachou a Germanwings que non estaba en condicións de voar, di a fiscalía

A pesquisa realizada no apartamento de Andres Lubitz en Dusseldorf deu lugar a un achado que pode explicar a razón que levou ao copiloto a estrelar deliberadamente o Airbus nos Alpes franceses: o pretenso suicida tería rachado unha nota médica que lle aconsellaba non voar o día do sinistro.

Lubitz (Foto: Facebook)
photo_camera Foto tirada de Facebook

Acumúlanse os indicios de que Lubitz estaba enfermo o día en que se estrelou o voo 4U9525 de Germanwings e de que agachou a súa doenza á compañía alemá de baixo custo. Os investigadores que inspeccionaron o seu apartamento en Dusseldorf acharon un documento médico, unha nota feita anacos supostamente por Lubitz, en que se lle prescribía estar de baixa o día do sinistro.

Nun comunicado, a fiscalía de Dusseldorf dixo que se acharan "documentos médicos" que daban conta dunha "enfermidade en curso" e do "adecuado tratamento médico" que debía seguir o copiloto. Os investigadores xulgan que o feito de ter rachado a nota indica a vontade de Lubitz de agachar a súa doenza -de carácter mental- a Germanwings.

Porén, non foi achada ningunha nota de suicidio de Lubitz, nin tampouco ningún documento crítico coa compañía para a cal traballaba.

Esta sexta feira, o diario alemán Bild revelou que en 2009 a Lubitz foille diagnosticada unha "severa depresión" e que se submeteu a tratamento psiquiátrico durante ano e medio.

Comentarios