Ten en contra o 81 por cento do grupo parlamentar

Corbyn revalida a lideranza do Partido Laborista co 61,8% do voto das bases

Corbyn gañou o pulso contra as elites dirixentes do seu partido, saudosas do centrismo de Tony Blair, e acaba de revalidar a lideranza do Labour, cun apoio até maior do que aquel co que chegou no seu día a dirixir o partido.

corbyn
photo_camera Jeremy Corbyn

Corbyn obtivo 313.209 votos, o 61,8 por cento dos emitidos, mentres o candidato da ala centrista do partido, Owen Smith, ficou en 193.229, o 38,2 por cento.

O apoio das trade unions e da grande maioría das bases -dun partido que ten incrementado nos últimos anos a súa afiliación, até chegar ao medio millón de militantes- garantiu o suceso de Corbyn e reforzou a súa aposta en situar o Labour en posicións claramente á esquerda do blairismo.

Corbyn ten en contra o 81 por cento do grupo parlamentar laborista, que mesmo chegou a aprobar unha moción de retirada de confianza ao seu líder (172 parlamentares votaron a favor da súa renuncia, apenas 40 a prol da súa permanencia). Os críticos forzaron esta nova consulta interna da militancia, da que o veterano líder de 67 anos sae claramente vitorioso. Corbyn chegou a líder do partido co 59 por cento do voto. Desta volta obtivo o 61,8 por cento.

Os críticos cuestionan o esquerdismo de Corbyn -en realidade, un retorno ás esencias da socialdemocracia- co argumento de que se afasta das zonas máis tépedas do eleitorado, ás que empurraría cara ao Partido Conservador.

O candidato alternativo, o centrista Owen Smith, en ningún momento deu conectado co sentir maioritariamente esquerdista das bases do Labour.

Owen Smith postulouse como eventual recambio de Corbyn após se producir un auténtico motín no goberno na sombra (cabinet shadow) de Corbyn, do que demitiron varios membros após acusar o líder do partido de non defender con suficiente convicción a permanencia de UK na UE durante o referendo do brexit.

Os críticos cuestionan o esquerdismo de Corbyn -en realidade, un retorno ás esencias da socialdemocracia- co argumento de que se afasta das zonas máis tépedas do eleitorado, ás que empurraría cara ao Partido Conservador. Os partidarios de Corbyn contra-argumentan que o blairismo está esgotado porque non é quen de mobilizar arredor do Labour as bases tradicionais do partido, nomeadamente a clase traballadora, seducida en parte nos últimos anos polo dereitista UKIP.

Comentarios