O secretario xeral da ONU, António Guterres, afirmou que a do coronavirus é a crise "máis difícil" á que se enfronta o mundo desde a Segunda Guerra Mundial. "Por unha banda, é unha enfermidade que representa unha ameaza para todos no mundo e, pola outra, ten un impacto económico que traerá unha recesión sen parangón probabelmente no pasado recente", sinalou durante unha conferencia de prensa virtual das Nacións Unidas.
Así, "a combinación dos dous feitos e o risco de que contribúa a unha maior inestabilidade, a un maior descontento e a un maior conflito son cousas que nos fan crer que esta é, en efecto, a crise máis difícil á que nos enfrontamos desde a Segunda Guerra Mundial", engadiu.
We must respond decisively – with shared responsibility & global solidarity - to stop the spread of #COVID19 and the devastation it is causing everywhere.
— António Guterres (@antonioguterres) March 31, 2020
Here are the three steps to tackle the crisis and recover better: https://t.co/QzsJt5K9HI pic.twitter.com/pfbbbT0WIF
Ao seu xuízo, a crise "necesita dunha resposta máis forte e eficaz que só é posíbel dentro da solidariedade, se todos se unen e nos esquecemos dos xogos políticos e comprendemos que é a humanidade a que está en xogo".
Ademais, Guterres insistiu en que a resposta ao coronavirus debe ser "decisiva, innovadora e conxunta", ademais de "a grande escala, coordinada e integral", e incidiu en que é necesario mostrar "solidariedade" coas comunidades e os países "máis vulnerábeis" ante o avance da COVID-19.