ERC avanza que si estará nas eleccións do 21D

Esquerra Republicana de Catalunya quer converter as eleccións "nunha oportunidade para consolidar a República".

erc
photo_camera Reunión da Permanente Nacional de ERC

Comeza a ser evidente que o soberanismo aceita de facto a situación criada pola disolución do Parlament e acudirá ás eleccións convocadas por Rajoy ao abeiro da aplicación do artigo 155.

Foi ERC -a forza que lidera os inquéritos- a primeira das soberanistas en declarar abertamente que si irá a eses comicios e fíxoo despois de reunir a súa permanente nacional.

A única dúbida está en como debe concorrer o soberanismo e nese sentido ERC deixa aberta á posibilidade de non concorrer como tal partido (nas eleccións de 2015 a formación republicana foi coligada coa antiga Convergència na plataforma JxSí).

"Encontraremos a maneira de participar o 21-D, presentándonos [como partido] ou non", dixo o portavoz de ERC, Sergi Sabrià, esta segunda feira para a seguir se posicionar a favor de participar nas eleccións "conxuntamente con todos os que defenden a República".

O obxectivo de ERC é consolidar "esta República fráxil" -o partido liderado por Junqueras admite que o Estado nacente non ten capacidade suficiente para se impor- e ao tempo rexeitar o 155.

Comentarios