UN PRIMEIRO INQUÉRITO DÁ O TRIUNFO AO NON

Colexios fechados, máxima expectación

Ninguén vai durmir en Escocia. Os colexios fecharon, pondo o ramo a unha xornada exemplarmente cívica. O país contén a respiración. O mundo contén a respiración. Un primeiro inquérito de YouGov -non a pé de urna, senón unha reactualización da serie de sondaxes realizada durante a campaña- daría a vitoria ao NON polo 54% face o 46% do SI.

20140917_161353

Moito ruxe ruxe a esta hora, mais ningún dado contrastábel. Os últimos inquéritos coñecidos, realizados nas vésperas do referendo, apuntan a que o NON gañaría por apenas 100 mil votos. A participación está a ser masiva. Sen estar o cómputo pechado, por volta da 1.00 horas, a BBC falaba dunha participación do 87%. As 2.00 horas desta sexta feira comezará a haber dados (primeiro escrútanse os concellos máis pequenos). Os resultados oficiais non se coñecerán até arredor das 6.00 horas de mañá.

As e os escoceses exercen nesta quinta feira o seu dereito a decidir. Sexa cal for o resultado xa nada vai ser igual. Máis de 4 millóns de escocesas e escoceses teñen o voto e a decisión. Os colexios fecharán ás 23.00, hora galega. Os resultados coñeceranse moi avanzada a madrugada.

O 18 de setembro de 2014 é xa unha data para a historia mesmo antes de rematar o día. As e os escoceses votan para elexer libremente que futuro queren para o seu país. Exercerán o dereito a decidir como pobo, algo impensábel hai só un lustro. Pode ser o primeiro país na historia que se independice de Gran Bretaña por meios pacíficos, sen confronto armado. A vitoria con maioría absoluta do nacionalista SNP nas eleccións escocesas de 2011 fixo que Alex Salmond formulase a demanda histórica do seu partido: impulsar o proceso de auto-determinación.

Ao longo destes máis de dous anos, o proceso soberanista foi collendo forma e forza. O secreto: implicar á cidadanía para que sexa ela a protagonista deste momento histórico e defender a independencia como a ferramenta acaída e indispensábel para construír unha outra sociedade máis xusta e igualitaria (lonxe do modelo que os Torys impoñen desde Londres). As e os escoceses atinxiron algo polo que hai menos dunha década ninguén deitaría un euro (ou unha libra) nas casas de apostas: que a través das urnas vaian escreber as páxinas do seu presente e do seu futuro en chave propia.

Por volta de catro millóns de escoceses pderán votar hoxe na consulta. Non poderán facelo os 800.000 escoceses que viven no estranxeiro maius si os 400.000 ingleses que moran en Escocia. Enquisas e sondaxes apuntan a un resultado aberto, onde pode gañar tanto o YES/AYE coma o NO.

Escocia ponse a camiñar como pobo e a camiñar construíu a súa propia rota, variando xa para sempre a historia desta vella e orgullosa nación celta, Alba.

Comentarios