O si á independencia gaña terreno en Escocia ante o temor á privatización da sanidade

Alex Salmond e o SNP acharon un valioso aliado na súa campaña a favor da independencia de Escocia, a un mes xusto do referendo: as políticas privatizadoras da sanidade do goberno tory de Londres. A última enquisa disponíbel mostra que a distancia entre o Non e o Si á independencia se estreita.

Anuncio da data do referendo en Escocia
photo_camera Anuncio da data do referendo en Escocia

Excluídos os indecisos, o Non á independencia continúa liderando as enquisas, co 55 por cento dos apoios face o 45 por cento que obtería o Si a un Estado escocés independente, mais a distancia vai minguando a ollos vistos. A respeito de traballos anteriores, o Non perde dous pontos, xusto o gaño que obtén o Si.

Segundo publica The Guardian, a habilidade política de Salmond ao colocar na axenda a discusión sobre o futuro do sistema público sanitario ten a ver co avanzo das posicións independentistas. Este é un campo en que o SNP se move con máis comodidade do que no debate sobre o futuro da libra esterlina en Escocia, tema sempre máis complexo e de manexo esvaradizo.

De acordo cun inquérito realizado por ICM, empresa especialista en pescudas demoscópicas, o Si á independencia avanzaría decisivamente entre as mulleres (sería xa maioritario, co 55% a favor). The Guardian atribúe isto en boa parte á reacción perante as políticas privatizadoras da sanidade de Cameron. Cumpre non esquecer que os tories son unha forza moi minoritaria en Escocia, unha nación cunha cultura comunitarista e benestarista que torna dificilmente viábel o arraizamento da retórica neoliberal propia dos conservadores.

O 55% das escocesas estarían xa neste momento pola independencia do seu país

Salmond sabe que vincular o desenvolvimento do Estado do Benestar coa independencia é unha baza que pode desequilibrar a balanza no referendo do día 18 de Setembro, daí que a pasada semana prometese que a Constitución do futuro Estado independente -que a tería, escrita, non como o Reino Unido, onde non existe Carta Magna- garantiría a existencia dun sistema sanitario público e gratuíto para todas as escocesas e escoceses.

Un portavoz do Partido Conservador en Escocia citado por The Guardian desmente que o Goberno Cameron vise o desmantelamento do sistema sanitario público. En concreto, Jackson Carlaw cualificou de "rumor falso e vergoñento" a afirmación de Salmond de que o Non ao referendo sería tanto como respaldar as políticas privatizadoras.

Por súa parte, Philippa Whitford, membro de Women for Independence, declarou que o 70 por cento dos novos contratos do NHS (iniciais en inglés do Sistema Nacional de Saúde británico) "foron ao setor privado no último ano".

Comentarios