Cohen declarou esta mesma semana que por indicación de Donald Trump pagou diñeiro a dúas das súas amantes para que non contasen nada á imprensa. A xustiza pode considerar os pagamentos como contribucións ilegais á campaña electoral.
O ex avogado de Trump —traballou para o magnate por espazo dunha década— asumiu a súa responsabilidade nun interrogatorio con axentes do FBI e o seu horizonte é a prisión pola comisión de delitos electorais. A resposta de Trump é que el pagou ese diñeiro do seu peto —e non dos fondos da súa campaña— e que Cohen só di o que di para, mediante á colaboración coa xustiza, rebaixar a súa pena.
En todo caso, a confesión de Cohen non o afastará presumibelmente da cadea. Porén, o ex home de confianza de Trump renuncia por anticipado á perspectiva de ser indultado polo presidente. "Nunca aceptaría o perdón dalguén que actuou de xeito tan corrupto", dixo Lanny Davis.
O problema para Trump é que, alén das súas manobras para tapar un escándalo sexual, Cohen estaría disposto a prestar testemuño perante Robert Muellen sobre as interferencias rusas na campaña de 2016.
A presión sobre o presidente dos EUA intensifícase, pois, a poucos meses das decisivas eleccións de novembro á Cámara de Representantes. Se nelas o Partido Demócrata consegue a maioría, estarían dadas as condicións para se abrir un proceso de impeachment (destitución) do presidente, acusado no mínimo dun cargo de financiación ilegal da campaña (un delito federal). Nese sentido, a líder da minoría demócrata no Congreso, Nancy Pelosi, declarou esta terza feira que vía Trump nun "grave risco" legal.