CRISE NA ZONA EURO

FMI e UE sitúan Grecia na conta atrás

Cimeira extra-ordinaria de líderes da zona Euro a segunda feira para evitar unha ruptura con Atenas que levaría cara ao denominado ‘Grexit’, a saída de Grecia do euro. As institucións falan de novos recortes e o país heleno di que non pode haber máis sufrimento.

Grecia UE

Grecia está na conta atrás, unha situación na que Bruxelas, Banco Central Europeo e FMI a manteñen a medida que van aumentando a presión. A xuntanza de ministros de Economía europeos desta quinta feira, convocada para atopar un acordo con Atenas sobre o pagamento da débeda, finalizou sen acordo e, segundo o relato da prensa centro-europea, coa tensión a niveis de Defcon 2. En xogo, non só o cumprimento ou non de pagamentos ou ampliación ou non de rescates, senón que se camiñe cara á primeira saída dun país do euro, un escenario que está máis que presente nas conversas dos dirixentes de estados e institucións durante estes días. A semana pasada FMI suspendeu negociacións con Atenas, á que responsabilizou de se enrocar e non atender a razóns. O goberno grego reiterou a súa disposición a seguir negociando, mais lembrou que xa pasou a época de impoñer máis sufrimentos á poboación.

A segunda feira vai haber unha cimeira extraordinaria de líderes da Eurozona. “A situación de Grecia haina que discutir ao nivel político máis alto”, dixo esta quinta feira Donald Tusk, presidente do Consello europeo. Desde o Eurogrupo afírmase que “aínda é posíbel un acordo”, mais sitúan no tellado grego a responsabilidade de dar o paso.

Vencemento

O 30 de xuño vence o prazo para que Atenas, que carece de liquidez, pague 1.500 millóns de euros ao FMI, é o día en que conclúe a prórroga do rescate. De non pagar, sería o maior impagamento da historia do Fondo. Se ese día o FMI non ten o diñeiro e non hai algún tipo de acordo, O Fondo Moneario Internacional pode no prazo dun mes declarar oficialmente o ‘default’. A partires diso, porta aberta a que as axencias cualifiquen como ‘quebra’ a situación en Grecia. Medios e axencias falan de escenarios de ‘corralito’ para evitar fuga de capitais. No que vai de semana os gregos retiraron dos bancos máis de 2.000 millóns de euros. E, como di o xornalista Íñigo S. Ugarte, a Troika estase a encargar de “premer o botón do pánico”. De aí as insinuacións emitidas desde as institucións de que non poden asegurar que a segunda feira abran os bancos gregos.

O FMI quer que Atenas aplique novos recortes, nomeadamente nas pensións. Grecia mantén que non hai xa onde meter a tesoira. O ministro Y. Varufakis lembra que nun país de 11 millóns de habitantes hai un millón de familias que sobreviven das pensións dos seus maiores. Comisión e Fondo queren tamén que se aplique o IVE máximo a ben e servizos que actualmente teñen esta taxa no nivel baixo ou intermedio. As institucións exixen ademais que haxa maior flexibilización do mercado laboral. “O sector público grego recortouse nun 20%; as pensiones, un 48%; o gasto público, nun 33%, que máis podemos recortar?”, pregúntase o ministro de Economía heleno.

Auditoría da débeda

Atenas aposta nunha reestruturación da débeda e na aplicación de quitas. Unha posición que vén de ser avalada polo Comité que audita a débeda grega, presidido polo politólogo belga Eric Toussaint. Durante tres meses, 15 expertos gregos e 15 internacionais realizaron un traballo de avaliación e análise que presentaron esta quinta feira. Conclusións nas que sosteñen que a débeda contraida coa Troika non debe pagarse pois non respecta os dereitos humanos. É unha “débeda odiosa”. Afirman que a débeda co FMI “debería declararse ilegal, xa que incumpre os propios estatutos do Fondo, a Constitución grega e os acordos dos que Grecia fai parte”. A comisión tamén considera que non habería que pagar a débeda co BCE.

Hai que lembrar que en xullo Atenas debe facer fronte a vencementos de débeda en mans do Banco Central Europeo por valor de 3.500 millóns de euros, dentro dos 7.200 millóns a devolver durante o verán. Un panorama que leva a Ugarte a reiterar que o rescate de Grecia non se fixo para sacar o país da crise e da recesión “senón para que poidesen seguir a pagar as súas débedas”.

‘Grexit’

‘Grexit’ é como se denomina a saída de Grecia do euro, algo cada vez máis mencionado. Na segunda feira hai unha cimeira europea de urxencia e na quinta feira o Consello europeo de xefes de estado e de goberno. Últimas oportunidades para atinxir un acordo que evite o escenario máis temido: quebra grega e, en teoría, a saída do país heleno do proxecto europeo.

Comentarios