Segundo o auto do maxistrado

Forcadell manifesta ao xuíz que se no futuro continúa na política o fará dentro do "marco constitucional"

Estratexia de defensa ou paso atrás na súa práctica independentista? É cedo para o sabermos, mais o que si é certo é que quer Carme Forcadell quer o resto dos membros soberanistas da Mesa do Parlament fixeron concesións na súa declaración perante o xuíz para, nunha troca, eludir a prisión. Conseguírono por meio de fianzas. Mais o que non conseguiron é seren desimputados. Continúan a pesar sobre elas e eles os mesmos cargos: rebelión, sedición e malversación de fondos.

forcadell
photo_camera Forcadell, á chegada á Audiencia Nacional

Forcadell asumiu as consecuencias prácticas da aplicación do artigo 155 -días atrás xa o fixera ao constatar que o Parlament estaba disolvido- e enfatizou que a DUI -a proclamación da República catalá feita a sexta feira 27 de outubro- carecía de efeitos xurídicos ao non se ter publicado no diario oficial da cámara catalá, clausurado ese mesmo día polo Consello de Ministros ao convocar eleccións para o 21 de decembro.

Segundo o auto do xuíz, Pablo Llarena, Forcadell foi alén de asumir o 155: "Non é que asumisen a intervención derivada da aplicación do artigo 155 da Constitución, senón que manifestaron que, ou ben renuncian á actividade política futura, ou, os que desexan continuar a exercela, o farán renunciando a calquera actuación fóra do marco constitucional".

Isto significa que para estes membros da Mesa do Parlament non existe ningunha República catalá e que a única legalidade vigorante en Catalunya é a española.

A reacción de unánime respaldo de dirixentes soberanistas a Forcadell durante a noite desta quinta feira, inmediatamente após se coñecer a súa prisión eludíbel sob fianza e o teor das súas declaracións perante o xuíz, indicaría que o bloco independentista quer preservar a todo custa a unidade de acción con vistas ao 21-D. Tamén cabe interpretar que a ollos destes dirixentes as manifestacións de Forcadell na sala do TS fan parte da súa estratexia de defensa, non só para eludir a prisión, senón para criar contradicións no poder xudicial español (entre o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional).

En todo caso, desde o independentismo non se recolleron críticas nen a unha estratexia de defensa diametralmente oposta á que seguiron Junqueras e os 7 consellers -a diferenza destes, Forcadell e os membros da Mesa si que se submeteron ao interrogatorio da Fiscalía- nen ao acatamento do 155 e -sempre segundo o auto- do "marco constitucional".

Comentarios