39 ANIVERSARIO DA ANEXIóN

Frente Polisario avisa dun retorno ás armas de seguir os incumprimentos marroquinos e o desleixo internacional

O rei de Marrocos afirmou no 39 aniversario da anexión do Sahara que esta ía ser para sempre. O ministro de exteriores saharaui entende que esa actitude, e a cumplicidade internacional, levan ao camiño das armas.

Sahara

O ministro de Exteriores da República Árabe Saharaui Democrática, Ould Salek, alertou de que a falla de respecto de Marrocos pola legalidade internacional e a “inercia” da comunidade internacional están situando o seu pobo nun escenario no que “non terá outra escolla que regresar á loita armada”. Salek fixo esta advertencia nos micrófonos de Radio Algérienne, segundo Esquerda.net. Unhas declaracións que foron a resposta ao discurso do rei de Marrocos co gallo do 39 aniversario da anexión do Sáhara Occidental. “Marrocos vai seguir no Sáhara e o Sáhara vai seguir a ser parte de Marrocos até o fin dos tempos”, dixo o monarco alahuita.

Para @s saharauis, esas declaracións son “demoledores” para aqueles axentes internacionais que “tanto no Consello de Seguranza da ONU” como noutras instancias están empeñados “en facer crer á comunidade internacional que Marrocos está a cooperar nas negociacións para unha solución pacífica no Sáhara”.

Presión

Para o ministro, a falla de respecto de Marrocos “polo acordado nas negociacións que prevían o dereito á auto-determinación do pobo saharaui” está a facer aumentar “a presión exercida polos saharauis para o regreso á loita armada para obter a liberdade”.

O ministro saharaui lembrou que Marrocos ten “todas as características dun Estado colonial” e que as súas tentativas por “furtar” os compromisos internacionais no Sahara colócano no illamento en canto a dereitos humanos.

Salek apelou á Unión Africana e a ONU para que asuman as súas responsabilidades no proceso de descolonización do Sahara.

Comentarios