Gales arremángase para acadar o obxectivo de chegar ao millón de falantes da lingua propia

Cymdeithas, a principal entidade a prol do idioma galés, presenta unha batería de medidas e propostas para duplicar o número de falantes de 'cymraeg' (galés).

cymru
photo_camera Protesto a prol do galés

Cymdeithas yr Iaith Gymraeg (Asociación pola Lingua Galesa) é a principal entidade na defensa e promoción deste idioma da familia das linguas celtas. Vén de presentar a partidos políticose outros axentes o documento sobre o idioma que elaborou de cara ás eleccións galesas de 2016, un informe no que avalía a situación do idioma e propón medidas e actuacións a implementar e executar para chegar ao que ela propia cualifica de "obxectivo ambicioso": Atinxir un millón de falantes de galés.

Gales (Cymru) ten pouco máis de tres millóns de habitantes e o censo de 2011 cifra en 562.000 as persoas falantes de galés, o que supón unha perda de 14.000 falantes a respeito do anterior censo, de 2001. Cymdeithas calcula que cada ano o galés perde por volta de 3.000 falantes. 

"Desde o berce até a tumba"

Lonxe de se desanimar ou caer en discursos derrotistas, desde Cymdeithas yr Iaith Gymraeg poñen sobre a mesa unha serie de medidas e piden o compromiso de partidos políticos e axentes para reverter a situación actual e gañar falantes de galés para ter un idioma vivo.

Así, e entre as propostas da entidade, figura a de frear a emigración, garantir a sustentabilidade das comunidades onde o galés é falado maioritariamente, estender o uso a todos os eidos -"do berce á tumba"-, con especial incidencia no ensino, mais non só... Esta entidade lembra que o 80% dos e das alumnas estudan en centros onde o galés non é vehicular. Tamén se propoñen actuacións no mercado laboral ou na administración, coomo garantir que unha parte dos e das traballadoras das entidades públicas sexa galés-falante.

En Arxentina, galés patagónico (Cymraeg y Wladfa)

O galés non se fala só en Cymru (Gales). Hai falantes deste idioma en Estados Unidos ou Australia, sitios onde emigraron fortes continxentes de galeses e galesas durante décadas. Mais, fóra das Illas Británicas onde vive a maior comunidade galesa é en Chubut, na patagonia arxentina. E falan o coñecido como 'galés patagónico' (en galés, Cymraeg y Wladfa). Calculábase no 2.000 que entre 5.000 e 12.000 persoas tiñen este idioma como lingua materna e que por volta de 25.000 tíñana como segundo idioma, tras o español.

Comentarios