Gales impulsa unha rede de espazos por todo o país para a aprendizaxe de galés

A apertura de 6 novos centros, cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, vense sumar aos 10 postos en marcha nos últimos meses.

gales

Carwyn Jones, o primeiro ministro de Gales (Cymru, en galés) anunciou a apertura de seis novos espazos para a aprendizaxe, promoción e expansión do idioma propio deste país celta baixo soberanía británica. O goberno galés adicará máis de dous millóns de euros a esta iniciativa, que vén a se sumar aos dez abertos desde o verán do ano pasado.

O pasado mes de marzo o Parlamento galés aprobou unha nova lexislación pola que a lingua galesa pasaba ser “prioritaria” no ámbito das administracións públicas nese país, mesmo estipulando multas e sancións económicas para quen non cumprir con esa disposición. Os concellos, por exemplo, teñen até setembro para se adaptar a esta nova lexislación.

Desobediencia civil galesa en defensa do seu idioma

Cómpre lembrar que xa a principios de 2014 Cymdeithas yr Iaith Gymraeg anunciara unha campaña de desobediencia civil en defensa do galés. A que é a principal organización en defensa deste idioma, e cunha traxectoria de 'accións directas non violentas', explicara que era mester impulsar unha dinámica de mobilización e presión cidadá para que o executivo galés tome nota e se decida, apuntaban, a actuar decididamente en prol do galés.

Se ben o goberno presentara unha serie de medidas e actuacións de promoción do gales, Cymdeithas valóraas como insuficientes e exixe un maior compromiso en eidos como a educación, a sanidade ou o mercado laboral.

Un de cada cinco galeses fala habitualmente o seu idioma

Das nacións da illa baixo soberanía británica Gales (Cymru, en galés) é na que o idioma propio é máis falado. Desdee logo, moito máis que o gaélico-irlandés en Irlanda do Norte e o gaélico.escocés en Escocia. O estudo de uso da lingua galesa (Cymraeg) de 2004 indica que o 21.7% da poboación de Cymru é falante de galés. O censo de 2001 tamén mostra que sobre o 25% dos residentes en Cymru naceran fóra deste país. 

Comentarios