O Goberno estatal desbota, polo de agora, subministrar armamento a Ucraína

O ministro de Exteriores ucraíno, Dmytro Kuleba, cre que "o que busca Rusia é desquitarse por perder a Unión Soviética".
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, visitou esta cuarta feira, xunto ao seu homólogo ucraíno, Dmytro Kuleba, o memorial ás vítimas do conflito en Donbass (Foto: Ministerio de Asuntos Exteriores).
photo_camera O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, visitou esta cuarta feira, xunto ao seu homólogo ucraíno, Dmytro Kuleba, o memorial ás vítimas do conflito en Donbass (Foto: Ministerio de Asuntos Exteriores).

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea (UE) e Cooperación, José Manuel Albares, insistiu máis unha vez en que o diálogo é agora mesmo a mellor forma de reconducir a crise entre Rusia e Ucraína, descartando con estas declaracións que o Estado español poida seguir os pasos doutros socios europeos que decidiron enviar armas e material militar a Kiev.

Desde a capital ucraína, onde se reuniu co seu homólogo no país, Dmytro Kuleba, o ministro de Exteriores recalcou que España, do mesmo modo que a UE, traballa "por un escenario no que calquera diferenza que poida haber se resolva a través do diálogo, un diálogo que dea paso á distensión, e para iso é necesaria unha desescalada nestes momentos".

"Cremos que é o momento da diplomacia, non de abrir escenarios e hipóteses que non están aí", sostivo Albares. Na súa opinión, "danse todas as condicións" para que o diálogo permita reconducir esta crise, mais da mesma forma que hai unidade no seo da UE nesta aposta tamén a hai na disuasión, de aí o paquete de sancións masivas contra Rusia xa elaborado e que se adoptaría en caso de "invasión", un escenario que o Goberno estatal "non" quere

O ministro aproveitou a súa visita para trasladar ao Goberno ucraíno o "apoio" de España "á súa soberanía e integridade territorial", ao tempo que manifestou a súa "preocupación" pola presenza de tropas rusas na fronteira. Así, incidiu en que "ninguén se está a preparar para a guerra neste lado de Europa".

Pola súa parte, Kuleba agradeceu o apoio de España ás futuras sancións en caso de agresión rusa e asegurou que "a situación segue a ser tensa, mais controlada", e coincidiu con Albares en que o diálogo é a "estratexia máis eficaz" para superar esta crise. Aliás, advertiu de que "non se trata só dunha ameaza para Ucraína", senón "para Europa no seu conxunto", e apuntou que o que busca Rusia é "tomar desquite por perder a Unión Soviética e a Guerra Fría".

Contradicións após o encontro bilateral Rusia-Francia

Os Gobernos de Francia e de Rusia emitiron esta terza feira comunicados contraditorios acerca do resultado da xuntanza que sobre o conflito en Ucraína mantiveron os presidentes de ambos os países, Emmanuel Macron e Vladimir Putin, na véspera.

Ambos os dous mandatarios estiveron reunidos en Moscova durante máis de cinco horas. Tras o encontro, nin Macron nin Putin anunciaron ningún acordo, mais un representante do Elíseo sinalou aos xornalistas que o presidente ruso se comprometera a non levar a cabo ningunha "nova iniciativa militar".

Tan só unhas horas despois, esta afirmación era refutada polo portavoz do Kremlin, Dmitry Peskov, sinalando que o liderado da OTAN non é de Francia, "é doutro país", polo que dificilmente se puido acordar nada. Macron fechou na terza feira en Kiev a xira diplomática para abrir vías de diálogo.

Comentarios