Greve xeral en Francia contra a reforma laboral de Hollande

O presidente galo afronta esta quinta feira o seu primeiro paro xeral.

greve francia

O goberno de François Hollande afronta esta quinta feira a súa primeira greve xeral, convocada polos sindicatos contra a reforma laboral impulsada desde o executivo galo. As catro grandes centrais (CGT, FO, FSU e SUD) son as que chaman a este paro de 24 horas, unha convocatoria á que tamén se suman as dúas organizacións de estudantes (Unef e UNL), que piden a retirada do proxecto de lei.

“É unha suma de regresións” que “facilita o despedimento”, denuncian os sindicatos e organizacións de esquerdas. O proxecto permite ampliar horarios de traballo e dá primacía aos acordos nas empresas sobre a lexislación laboral ou os convenios colectivos. “O debilitamento dos dereitos dos traballadores e a posibilidade de despedir con maior facilidade nunca serviron para loitar contra o desemprego”, indican desde as centrais.

A oposición a esta proposta de refoma laboral comezou xa a principios de febreiro, ao coñecerse algúns puntos que incluía a mesma. O pasado 9 de marzo máis de 450.000 persoas, segundo os organizadores, tomaron parte en diversas mobilizacións contra esta reforma. Agora, e nun paso máis, vaise á greve xeral, que terá consecuencias principalmente no sector público e no transporte.

Comentarios