A guerra en Ucraína, en directo, este 28 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 
Un home inspecciona as rúas e casas danadas polos ataques aéreos rusos preto da cidade de Makariv (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi). Unha moza fai pompas de xabón mentres a xente se acubilla nunha estación de metro de Kíiv que serve de abrigo antiaéreo subterráneo. (Foto: Carol Guzy). Un soldado toma a súa posición diante de arames de espiño e barreiras para tanques nunha praia de Odessa. (Foto: Louai Barakat).
photo_camera Un home inspecciona as rúas e casas danadas polos ataques aéreos rusos preto da cidade de Makariv (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi). Unha moza fai pompas de xabón mentres a xente se acubilla nunha estación de metro de Kíiv que serve de abrigo antiaéreo subterráneo. (Foto: Carol Guzy). Un soldado toma a súa posición diante de arames de espiño e barreiras para tanques nunha praia de Odessa. (Foto: Louai Barakat).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

19.31 | Soldados rusos derriban un helicóptero ucraíno que ía ser empregado presuntamente para evacuar comandantes do batallón Azov

O diario dixital Russia Today (RT) recolleu o último reporte do exército ruso sobre os bombardeos en Ucraína, exposto polo portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia, Ígor Konashénkov. Entre os vehículos derribados estaría un helicóptero Mi-8 que, segundo a versión aportada por Konashénkov, ía ser empregado presuntamente para evacuar varios comandantes do batallón Azov.

17.53 | Roman Abramovich e varios negociadores rusos sufriron un presunto envelenamento a comezos de marzo

O Wall Street Journal desvelou nesta segunda feira que o empresario multimillonario ruso Roman Abramovich e varios negociadores ucraínos sufriron síntomas compatíbeis cun envelenamento após unha reunión mantida en Kíiv a comezos de marzo. Entre os presuntos culpábeis deste envelenamento, cita o sector máis conservador do Goberno ruso, nun intento por evitar que fracasasen as negociacións de paz entre ambos países 

16.47 | Imaxes de presuntos soldados ucraínos disparando nas pernas a soldados rusos

O medio alemán Bild fíxose eco dunhas imaxes que levan un par de días a circular nas redes sociais, nas que presuntamente soldados ucraínos disparan nas pernas a soldados rusos capturados, nun evidente mal estado físico, e varios deles con feridas de proxectís previas.

15.05 | Os países do G-7 néganse a pagar o gas ruso en rublos, como Putin pedira

O ministro de Enerxía de Alemañá, Robert Habeck, anunciou que os países que forman parte do G-7 non pagarán en rublos o gas que compran a Rusia, tal e como o presidente Vladimir Putin exixira a pasada semana, dentro dun paquete de medidas do seu goberno para paliar o efecto das sancións impostas a Rusia.

12.50 | Istambul, escenario dun novo encontro entre as delegacións de Ucraína e Rusia

A cidade turca de Istambul acollerá unha nova rolda de contactos entre as delegacións negociadoras de Ucraína e Rusia, segundo aseguraron as autoridades dos tres países implicados, mais polo momento non está clara a data.

Mentres Ucraína avanzou a posibilidade de reiniciar o diálogo ao longo desta xornada, co ánimo de prolongalo até o día 30, Rusia atrasou o comezo deste novo encontro até mañá. 

12.23 | Rusia nega o illamento internacional do país tras a invasión de Ucraína

O ministro ruso de Exteriores, Serguéi  Lavrov, descarta que a operación militar en Ucraína derivase no illamento internacional de Rusia e asegura que o seu país mantén boas relacións con moitos países en varias partes do mundo.

"Non hai ningún illamento. Diso falan aqueles que se conformaron mental e ideológicamente coa 'inevitabilidade' da ditadura de Occidente na area mundial", dixo o ministro durante unha entrevista concedida esta segunda feira a varios medios de comunicación serbios.

11.20 | Ucraína non abrirá hoxe os corredores humanitarios 

As autoridades de Ucraína afirmaron esta segunda feira que durante a xornada non abrirán corredores humanitarios para evacuar a poboación civil ante "posíbeis provocacións" por parte do Exército ruso.

"Advertencia. Os nosos servizos de Intelixencia informaron de posibles provocacións dos ocupantes nos roteiros dos corredores humanitarios", dixo a viceprimeira ministra de Ucraína, Irina Vereshchuk. "Por iso e debido a razóns de seguridade pública, non abriremos hoxe corredores humanitarios", afirmou nas súas redes sociais.

10.03 | Rusia eleva a perto de 475.000 os refuxiados chegados desde Ucraína

As autoridades de Rusia cifraron esta segunda feira en perto de 475.000 o número de persoas, entre elas ao redor de 100.000 crianzas, que chegaron ao país fuxindo da guerra en Ucraína, a maioría delas desde a rexión de Donbass, no leste.

Fontes oficiais citadas pola axencia TASS detallaron que "máis de 472.000 persoas chegaron a Rusia desde as repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, así como de Ucraína", antes de agregar que entre eles hai 144.000 rusos.

09.27 | Alemaña non participará militarmente no conflito en Ucraína

O chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, declarou que as tropas do seu país non van participar no conflito en Ucraína, mesmo no formato de continxente de paz. "Tampouco imos impoñer unha zona de exclusión aérea alí", afirmou Scholz durante unha entrevista na cadea ARD, emitida este domingo. Durante a conversa, o chanceler tamén sinalou que Berlín planea fortalecer a defensa antimísiles do país, seguindo o modelo de Israel e o seu sistema Cúpula de Ferro.

09.15 | Ucraína, disposta a aceptar un status neutral e non nuclear

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, afirmou este domingo que Ucraína está disposta a aceptar un status neutral e non nuclear nunha entrevista con xornalistas independentes rusos. "As garantías de seguridade e o status neutral e non nuclear do noso estado. Estamos dispostos a aceptalo. Este é o punto máis importante", indicou Zelenski, segundo a cadea CNN.

Comentarios