Iglesias non ve alternativa a un goberno de coalición. Non a ve porque entende que a forza de "sectores de presión e mediáticos" non será suficiente para modificar a postura de Albert Rivera, contrario a investir Sánchez como presidente por o considerar contraproducente para a súa aposta estratéxica de liderar a dereita.
"O acordo está máis perto do que parece, aínda que haxa que agardar dous meses e medio", transmitiu ás súas compañeiras de grupo parlamentar." Trasladou así optimismo a pesar de o seu encontro desta terza feira con Sánchez, o cuarto desde o 26M, concluír sen resultados e coas posicións aparentemente afastadas.
Para UP, ou hai goberno de coalición ou hai novas eleccións."O PSOE debe saber que estamos dispostos a votar en contra da investidura", afirmaron a Sermos fontes da confluencia familiarizada coas negociacions en marcha.
Sen os 42 votos de Unidas Podemos, Sánchez en ningún caso podería ser investido salvo xiro de 180 graos, pouco probábel, de Cs ou do PP.