Imputan por narcotráfico un coronel da Garda Civil aspirante a xeneral

Francisco García Santaella tería cobrado 400.000 euros por axudar introducir 6 toneladas de haxix, segundo unha investigación xudicial desvelada por ‘El Diario’.

guardia civil

Un xulgado andaluz imputou Francisco García Santaella, coronel da Garda Civil destinado actualmente na Dirección Xeral facendo un curso para ascender a xeneral, nunha investigación sobre narcotráfico. A nova, desvelada por ‘El Diario’, sinala que o xulgado considera verosímiles as confesións de 2 traficantes arrepentidos que aseguran que pagaron case 400.000 euros a este alto cargo da GC para que lles permitise introducir na Península 6 toneladas de haxix.

Estas confesións fixéronse por separado e sen coordinarse, e nas mesmas tamén afirmaron que García lles facilitou alixos incautados para que os revendesen. O pago fíxose, din, en dependencias da Garda Civil en Granada. O xulgado considera que hai indicios de abondo para acusar o coronel de colaborar na introdución de tres alixos pola costa de Granada entre 2005 e 2006.

Non é o primeiro caso de relación entre narcotráfico e altos mandos do instituto armado español. Un dos máis coñecidos foi o de Rodríguez Galindo, máximo mando da GC en Euskadi. Durante a súa carreira foi sinalado por diversos medios de comunicación por relacionalo co narcotráfico e trata de brancas. Mais a causa foi arquivada. Porén, en 2006, saía á luz un informe secreto do Servizo de Información da Garda Civil de 1992 no que se admitía que Galindo se lucrara co narcotráfico, remitindo parte dos beneficios desta actividade a financiar a guerra suxa contra ETA e outra aos petos do propio coronel da Garda Civil.

Galiza

Esta relación tampouco é descoñecida en Galiza. Un dos últimos episodios foi entre finais de 2013 e principios de 2014, en que foron detidos cinco grada civís na provincia de Pontevedra pola súa presunta relación con redes de narcotráfico.

Comentarios