O independentismo anti-capitalista escocés conflúe para a cita eleitoral de 2016

Nace Rise, unha alianza de partidos, movementos sociais e sindicatos; que pula por unha Escocia “ceibe e vermella”.

Pintada a prol da liberdade de Escocia
photo_camera Pintada a prol da liberdade de Escocia

Un novo actor político fai aparición en Escocia, nado da confluencia de diversos proxectos e iniciativas que se alicerzan en torno ás variabeis do independentismo e da esquerda alternativa e rupturista. Denomínase Rise (en inglés, erguédevos; mais tamén o acrónimo de Respecto, Independencia, Socialismo e Ecoloxismo) e ten no punto de mira as eleccións escocesas de 2016, ás que se prepara para concorrer disposto a obter representación.

Rise xorde, informa Nationalia, como un proxecto que aposta na “democracia directa e participativa”, na propiedade pública democrática, e na “independencia completa do Estado británico e do seu monarca”. Desputará o espazo electoral ao SNP e ao Partido Laborista, pulando polo voto do sector máis esquerdista dos primeiros e dos decepcionados coas 'claudicacións' laboristas nos eidos social, económico e nacional escocés. No nacemento de Rise tomaron parte o Partido Socialista Escocés (SSP) -que na lexislatura 2003-2007 tivo representación no Parlamento de Escocia- ou o Proxecto de Esquerda Escocesa (SLP), nada en 2014 para impulsar unha candidatura anti-capitalista e independentista.

Entre as persoas que apoian este novo proxecto está a deputada independente Jean Urquhart, eleita en 2011 nas listas do SNP e que marchou en 2012 após que o Partido Nacionalista Escocés mudase o seu tradicional posicionamento sobre a OTAN e aceptase que unha Escocia independente fixese parte da Alianza Atlántica.

Comentarios