A investidura do PSOE na Rioxa provoca a ruptura entre IU e Podemos

A carreira cara á atomización da esquerda estatal de raíz non socialdemócrata coñece un novo episodio na asemblea rexional da Rioxa. O grupo parlamentar de Unidas Podemos pasou a mellor vida. IU (1 escano) apoia a candidata socialista, Podemos (1) non.

Romero
photo_camera Raquel Romero, nunha comparecencia ante os medios na compaña de dirixentes da súa organización

A correlación de forzas no Parlamento rioxano é neste momento de 16 votos a favor da candidata socialista á presidencia Concepción Andreu (15 do PSOE e 1 de IU) e 16 en contra (12 do PP e 4 de Cs). Desempata o voto da única parlamentar de Podemos, Raquel Romero.

O debate arredor do apoio ou non a Concepción Andreu acabou por rachar o grupo parlamentar de Unidas Podemos. Romero acusa a súa ex compañeira de grupo, Henar Moreno, de ter vendido o seu voto en troca dunha cadeira na Mesa do Parlamento.

A rotura ten a ver coa dinámica estatal —coa intención de Podemos de aumentar a presión sobre o PSOE, para levar ao seu ánimo que en último termo estaría disposto a inviabilizar a investidura de Sánchez—, mais tamén coas discusións no seo da autoproclamada unidade popular.

O PSOE sitúa o problema nunha suposta desmedida ambición de Podemos —que tería demandado tres consellarías como contraprestación ao seu respaldo—, mentres que desde a formación morada se afirma que nunca se irán submeter "aos caprichos socialistas".

Comentarios