A resolución adoptada no seo do Consello de Seguridade da ONU que prohibe os asentamentos ilegais israelís en Palestina segue a ter consecuencias. Israel vén de reducir a súa achega económica anual en 6 millóns de dólares como represalia.
“É irracional que Israel financie organismos que operan contra nós na ONU”, sinalou Danny Danon, o embaixador permanente do país do que é primeiro ministro Benjamin Netanyahu nas Nacións Unidas. Denunciou, ademais, que a achega anual de máis de 40 millóns de dólares se emprega “para financiar organismos antiisraelís”.
Entre eses “organismos antiisraelís” aos que fixo mención Danny Danon atoparíase a axencia para refuxiados palestinos, a UNRWA (siglas en inglés), a División de Dereitos Palestinos, o comité investigador de prácticas israelís que afectan dereitos humanos palestinos e outros programas de información.
Israel trata de deslexitimar a ONU
Neste sentido, a pesar dos asasinatos de palestinos e da política colonialista de acoso contra Palestina –que ten a súa máis visíbel nos asentamentos ilegais-, o embaixador permanente de Israel na ONU considera que a entidade “debe poñer fin á absurda realidade de apoiar organismos cuxa única intención é difundir a incitación e a propaganda antiisraelí”.
A redución da achega económica é, segundo Israel, a primeira dunha serie de medidas contra a ONU. As Nacións Unidas, pola súa banda, a través do seu portavoz, Stephane Dujarric, dixeron non ter constancia do recorte económico por parte de Israel.