Krugman atribúe a vitoria de Trump á acción combinada de Rusia e o FBI contra Clinton

Premio Nobel de Economía e demócrata confeso, Paul Krugman publicou un artigo en The New York Times intitulado "A victoria contaminada".

O Premio Nobel de Economía, Paul Krugman.
photo_camera Paul Krugman

O 9 de decembro, The Washington Post revelaba que, de acordo cun informe da CIA, hackers vinculados ao goberno de Rusia terían facilitado a vitoria de Trump nas eleccións á presidencia dos EUA, co obxectivo de socavar a confianza do pobo norteamericano na pureza do seu sistema eleitoral.

Como actuaron os hackers? Basicamente pirateando os correos electrónicos dos cuarteis xenerais do Partido Demócrata -sobre todo, do seu chefe de campaña, John Podesta- e transferindo información confidencial moi delicada a Wikileaks. O portal que dirixe desde a embaixada do Ecuador en Londres Julian Assange filtrou correos que, por exemplo, indicaban os vínculos de Hillary Clinton con Goldman Sachs, relación perigosa para a demócrata ao reforzar a súa imaxe de candidata do establishment político e financeiro.

A pasada sexta feira, a equipa de transición de Trump (a que prepara a súa chegada á Casa Branca) emitiu un comunicado en que restaba calquer crédito á información publicada por The Washington Post. "É a mesma xente que dixo que Sadam Hussein tiña armas de destrución masivas. A elección rematou xa hai moito tempo e resultou nunha das maiores vitorias no Colexio Eleitoral da historia [306 compromisarios para Trump, 232 para Clinton]. Agora é tempo de avanzar para América voltar a ser grande outra vez".

Quen si dá todo o crédito ás fontes da CIA consultadas por The Washington Post é Paul Krugman, economista adscrito á ala liberal (no sentido que se entende nos EUA, sinónimo de socialdemócrata) do partido de Obama e Clinton. Nun artigo en The New York Times, o premio Nobel aponta "a combinación de Rusia e a intervención de FBI" como o factor decisivo na elección.

Trump tería gañado o "Colexio Eleitoral" grazas á "intervención estranxeira" e ao "comportamento grotescamente inapropriado e partidario" do FBI

A intervención do FBI, lembrémolo, é a pesquisa que once días antes de se ir as urnas reabriu o director desta axencia gobernamental, James Comey, en relación ao uso irregular dun correio electrónico particular presuntamente feito por Hillary Clinton durante a súa época como secretaria de Estado.

Krugman entende que a chave da derrota da candidata demócrata estaría no hackeo dos correos de Podesta e nas novas pesquisas do FBI -Comey, porén, o 6 de novembro, dous días antes das votacións, exonerou de toda responsabilidade penal a Clinton.

O economista salienta que Clinton perdeu nos tres estados decisivos -Pennsylvania, Michigan e Wisconsin- por menos de 1 por cento dos votos e en Florida, por pouco máis diso, e que, no voto popular, en troca, gañou con case tres millóns de sufraxios de avantaxe.

"Esta foi unha elección corrupta. Non foi roubada, até onde sabemos, no sentido de que os votos fosen mal contados (...) mais o resultado é ilexítimo", argumenta Krugman porque Trump tería gañado o "Colexio Eleitoral" grazas á "intervención estranxeira e ao comportamento grotescamente inapropriado e partidario" do FBI.

O 12 de novembro, catro días após das eleccións, Clinton responsabilizou parcialmente da súa derrota James Comey.

Comentarios