Os servizos xurídicos do Parlament rexeitan a hipótese da investidura a distancia

Serio obstáculo para a pretensión de JxCat de investir Puigdemont como president.

parlament catalunya @govern
photo_camera Unha sesión no pleno do Parlament

Un informe dos servizos xurídicos do Parlament -encarregado por Carme Forcadell a petición do PSC e de Cs- estabelece a presenza física na cámara como requisito para a apresentación dunha candidatura na sesión de investidura. Non existiría, portanto, espazo para unha candidatación telemática ou delegada, de acordo co parecer das e dos letrados.

O respeito ás normas básicas dos "procedimentos parlamentares" torna "imprescindíbel" a asistencia no debate sen que caiba a posibilidade de ningún "medio interposto" -en alusión a un sinal de vídeo- nen "a substitución da persoa que ten de ser o principal protagonista", en referencia a unha hipotética delegación do discurso por parte de Puigdemont a outro cadro político de JxCat.

O informe xurídico non só se debruza sobre o cenario dunha investidura telemática de Puigdemont, senón que tamén avalía a hipótese da delegación de voto dos soberanistas encarcerados en Estremera, opción aberta polo xuíz do Supremo Pablo Llarena. Neste caso concreto, as letradas do Parlament discrepan do xuíz e advogan por unha leitura restritiva das normas que permiten a delegación de voto. Entenden que só cabe nos casos concretos de incapacidade física ou psíquica, condicións que non serían de aplicación para Junqueras, Forn e Sànchez.

Comentarios