HDP: a iniciativa de xermolo curdo para cambiar Turquía

A esquerda pro-curda do HDP atinxiu o 70% dos votos no Curdistán, mais tamén pescou apoios nas grandes cidades turcas, como Estambul ou Ankara. 

HDP

O HDP non é un partido curdo. Mais non existiría -nin tería o éxito acadado este domingo nas eleccións turcas- sen o compromiso, as achegas e o impulso dos curdos. HDP son as iniciais, en turco, do Partido Democrático dos Pobos, a formación esquerdista e pro-curda que este domingo irrumpíu no Parlamento turco con 79 escanos (13% dos votos) e puxo fin ás ansias de novas maiorías absolutas do gobernante AKP. Logrou o HDP superar o 10% dos sufraxios, porcentaxe necesaria para poder ter representación no Parlamento a raíz dunha lei en vigor desde o golpe de estado de 1980. Non era unha lei para nada inocente: procuraba evitar a entrada na Cámara de forzas esquerdistas e do nacionalismo curdo. Ambos os dous acaban de entrar agora, 35 anos despois daquel golpe, con 79 escanos.

O HDP saíu dos comicios como a cuarta forza en Turquía, con 5,7 millóns de votos. Un enorme apoio popular que non procede só do Curdistán, país onde acaparou o 70% dos votos. En provincias curdas como Van obtivo 7 escanos por 1 do gobernante AKP; en Diyarbakir atinxiu 10 deputad@s (o AKP só 1) e en Datram gañou os 4 escanos en xogo.

Mais esta formación logrou o domingo tamén ser a terceira forza en Estambul, logrando 11 escanos. E en Ankara, a capital turca, conquistou 1 escano e o 6% dos votos. Algo impensábel até non hai tanto para un partido que teña o recoñecemento e apoio á independencia do Curdistán como un dos seus alicerces fundamentais.

Terremoto político

A irrupción do HDP provoca un terremoto no mapa político turco, até o de agora limitado a tres forzas: o gobernante AKP de Erdogán (islamista, conservador. É forte en Anatolia e Mar Negro), o CHP (kemalista, centro-esquerda. O seu maior apoio obteno na costa mediterránea e o Exeo) e o MHP, ultra-nacionalista turco e conservador. O Partido Democrático dos Pobos pon todo iso patas arriba co seu discurso que pivota en dous eixos: esquerda rupturista e defensa dos dereitos do pobo curdo. Os profundos cambios sociais e culturais acontecidos en Turquía nestes anos souberon ser lidos polo HDP. que obtivo un apoio amplo entre moz@s e naqueles sectores que apostan no cambio real en Turquía.

Das celdas de aillamento a unha ponte solidaria

A iniciativa de fundar un partido no que confluísen curdos e a esquerda turca defensora dos dereitos deste pobo naceu en 2012 nunha celda de illamento turca na que estaba preso Abdullah Öchalan, o histórico líder independentista e do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK). En outubro de 2013 realizábase en Ankara o congreso extraordinario do HDP. As formacións pro- curdas existentes, como BDP, tomaron parte no xurdir desta ferramenta política, que denominaron unha “ponte solidaria” entre a esquerda turca e o independentismo curdo.

Comentarios