Luz, o caricaturista de Mahoma, deixa ‘Charlie Hebdo’

Deixará a publicación satírica en setembro e confesa que o seu traballo tornouse “nunha carga moi pesada”.

Capa Charlie Hebdo
photo_camera Capa Charlie Hebdo

Luz, o debuxante responsábel da portada publicada por ‘Charlie Hebdo’ após o atentado, anunciou que en setembro deixará a publicación satírica porque o seu traballo tornouse, dixo, nunha “carga moi pesada”. O debuxante francés confesa , nunha entrevista en ‘Libération’, que a decisión “é moi persoal”. “Convertiuse nunha das miñas obsesións despois de todo este lío, para me reconstruír, para recuperar o control de min mesmo”, manifestou. “Cando un está implicado, como é o meu caso, en ‘Charlie Hebdo’, non ten tempo porque é fagotizado polos medios, e isto é verdadeiramente difícil. Falei da miña saída (da revista) aos compañeiros hai pouco tempo. É moi difícil, é unha decisión que precisa o seu tempo”.

“Non fica moita xente para debuxar. Tiven que facer tres portadas ou catro. Cada peche de edición é unha tortura porque os outros xa non están. Pasar noites de insomnio pensando nos desaparecidos, preguntándose que farían Charb, Cabu Honoré, Tgnous.. é esgotador”, indicou. Luz asegurou que considera que fai o seu traballo de forma automática e que senete “angustia”.

Luz, debuxante e novo responsábel do semanario ‘Charlie Hebdo’, xa manifestara hai unhas semanas que non ía volver debuxar a Mahoma. “Non volverei debuxar máis o personaxe de Mahoma, xa non me interesa”, declarara daquela nunha entrevista que publica ‘Les Inrockutibles’. Luz foi quen fixo a portada coa que Charlie Hebdo regresou aos quioscos após o atentado, cunha portada na que o profeta choraba baixo un titular que dicía: “Todo está perdoado”.

Comentarios