Mete medo lelas. As mensaxes que militares retirados do exército español escriben e comentan no chat ‘XIX do Aire’. Entre os participantes, algún dos altos mandos que asinan a carta remitida a Felipe VI e na que se asume o discurso de Vox.
Con anterioridade, un grupo de ex mandos, neste caso do Exército do Aire, membros da XIX Promoción da Academia Xeral do Aire, tamén mandou unha carta a Filipe VI onde expresaban a súa preocupación polas relacións do Goberno español con partidos “cuxo obxectivo é a separación dunha parte do territorio da nosa Patria” e “a imposibilidade de estudar en español en rexións de España”.
O asinante desta misiva en representación de parte dos seus compañeiros foi o xeneral de división do Exército do Aire na reserva Francisco Beca, o mesmo que, segundo revela o dixital Infolibre, participa activamente nun grupo de Whastapp chamado ‘XIX do Aire’ que agrupa veteranos desa promoción e na que escribiu mensaxes para poñer os pelos de punta.
Sempre segundo Infolibre, estas son algunhas das mensaxes escritas por Beca nese chat:
– “Non fica máis remedio que empezar a fusilar 26 millóns de fillos de puta"
– "As 'manobras do 36' proporcionaron uns cantos anos de progreso aínda que algúns o pasaron mal. España está chea de xente ingobernábel e a única forma posíbel é culturizar a xente, cousa que é imposíbel coa esquerda. É triste pero é a realidade española”
– “Tal como está a situación a única forma de atallala é extirpando o cancro!!!!!"
– “Non [foron as únicas sublevacións], pero só as de Primo de Rivera e a do Irrepetible [en referencia a Franco] trouxeron paz e prosperidade a España”.
– "A sociedade española está dividida e os bos son máis covardes que os malos na actualidade. Só queda (desgraciadamente) repetir a historia"
– "Non quero desanimarvos, pero con palabras e a estas alturas non se pode cambiar nada".
Segundo o mesmo medio, Beca negou escribir esas mensaxes a pesar de aparecer enviados desde o seu móbil.
Un dos participantes reenviou un audio coa voz de Santiago Abascal no que se pode escoitar: "Dinme que é obrigatorio saudar este grupo. Un abrazo a todos e Viva España!".