Miles de persoas volven saír á rúa en Francia contra a reforma laboral

En París rexistráronse duros enfrontamentos coa policía. Os sindicatos insisten en que se retire unha lei que, alertan, golpea duramente dereitos e conquistas dos traballadores

Francia reforma laboral

Miles de persoas tomaron parte esta quinta feira en París e noutras cidades nunha nova mobilización convocada polos sindicatos CGT e FO para rexeitar a reforma laboral. No transcurso das manifestación houbo diversos enfrontamentos coas forzas de seguridade, que se saldaron cun mínimo de 5 manifestantes feridos e 1 policía. “Amosar que aquí estamos e que non estamos de acordo” foi o lema baixo o cal marcharon estas miles de persoas para pedir que se derrogue a nova reforma laboral, que continúa sen se aplicar, embora ser aprobada por decreto en xullo, por mor da contestación social e da división interna nas fileiras socialistas.

A CGT indica que máis de 170.000 persoas tomaron parte na mobilización, unha cifra que a policía reduce á metade. En París houbo 40.000 manifestantes.Na cidade a policía detivo 9 persoas. Os enfrontamentos producíronse en varias ocasións durante o percorrido da manifestación e con diferente intensidade. Por volta de 1.200 policías foron mobilizados para controlar este protesto na capital gala.

“Fronte esta clase de leis hai que se mobilizar nas rúas”, dixo Philippe Martínez, secretario xeral da CGT. Jean-Claude Mailly, o seu homólogo en FO dixo que a lei "é un fracaso total”. Lembran que levan meses reclamando en van que non se aprobe nin aplique esta reforma laboral.

O goberno galo insiste en que esta lei é unha ferramenta para loitar contra o paro e o ministro de Emprego, Myriam El Khomri, dixo estar orgulloso dela. Non pensan así compañeiros seus do Partido Socialista, que se opuxeron á aprobación desta reforma e que mesmo piden que non se aplique ou se retire.

Comentarios