Milleiros de persoas participan nas manifestacións en Euskal Herria previas á folga xeral

As cidades vascas acolleron importantes mobilizacións esta fin de semana para concienciar sobre a necesidade de facer de Euskal Herria "un clamor como pobo" contra os recortes e o neoliberalismo
Manifestación en EH
photo_camera Manifestación en EH

Euskal Herria está en marcha contra un sistema que faga pagar ás clases traballadoras unha crise da cal son vítimas e non responsábeis. Baixo esta reflexión, milleiros de vascos e vascas participaron nesta fin de semana nas manifestacións convocadas en cidades de Euskal Herria, como Donosti, Bilbo ou Gasteiz; para secundaren a folga xeral desta cuarta, 26 de setembro.

"A folga xeral será un clamor contra o conxunto de recortes que nos queren impor desde Madrid, tanto polo compromiso de milleiros e milleiros de traballadores e traballadoras que secundarán a folga, como pola gran mobilización que xera nas rúas", indicaron desde as diferentes entidades convocantes. 

A folga xeral está convocada nas tres provincias da comunidade autónoma vasca e en Nafarroa por LAB, ELA, ESK, STEE-EILAS, EHNE, Hiru, CGT, CNT e ducias de organizacións e colectivos sociais.

Apoios que medran día tras día

Máis de 700 adhesións de comités de empresa recabou xa a folga xeral do 26 de setembro, alén de afirmar que a listaxe "segue a aumentar" día a día. Os sindicatos e colectivos sociais afirman que, perante o "inmenso roubo" á sociedade co obxectivo de "favorecer os intereses da banca", a clase traballadora vai respostar "con contundencia".

"Para que? Para que non nos machaquen"

Os e as convocantes lembraron esta segunda que a folga xeral desta cuarta é un instrumento "útil" que "si serve para algo", alén de advertir á cidadanía en xeral que "se non nos mobilizamos, machácannos".

Comentarios