Os nor-irlandeses queren un referendo a curto prazo sobre a reunificación da illa

A enquisa do Belfast Telegraph indica que un 56% quere que se convoque unha consulta por un 43,8% que se opón. A mocidade, a máis partidaria de poder decidir.

irlanda
photo_camera Bandeira irlandesa nun barrio do Ulster

'Ninguén poderá tirarlles nunca da cabeza que a súa illa é unha única nación''. O poeta nor-irlandés Seamus Heaney resumira con esta frase a teimosía dos seus compatriotas republicanos, unha teimosía na que desde hai un século combaten a división da vella Eire: 26 condados na República de Irlanda, seis baixo dominio da Súa Graciosa Maxestade Británica. Eles mesmos exemplifícano en murais, colantes, camisolas... 26+6 = 1. A suma dos 26 condados que aniñan no ‘Estado Libre’ e os 6 do ‘Ulster’ dan 1 República, “unida e soberana”.

Até o de agora nos seis condados do Ulster a maior parte da poboación é partidaria de se manter en Reino Unido (unionistas) fronte aos partidarios de reunificar Irlanda. Mais as realidades varían, mesmo na vella Eire. A progresión demográfica (maior na comunidade católica-nacionalista que na protestante-unionista), un novo escenario post-violencia armada no que o Sinn Féin fica como a forza claramente de esquerdas no Ulster (sen renunciar para nada ao soberanismo) e que é quen de atraer voto protestante... As cousas mudan e as enquisas reflícteno.

A maioría quere unha consulta. Mais nesa consulta gañaría a opción de se manter no Reino Unido. 'Só' o 40,2% votarían pola reunificación de Irlanda

Unha recente sondaxe de LucidTalk para o diario Belfast Telegraph amosa que unha maioría de nor-irlandeses e nor-irlandesas quere unha consulta sobre a reunificación de Irlanda. Algo impensábel non hai moito tempo. Para a enquisa entrevistáronse a 1.089 persoas en idade de votar e da mesma despréndese que o apoio ao referendo ten especial arraigo entre a mocidade.

Unha vez que se tiran as persoas indecisas, o 56,2% das que responderon a este estudo queren que haxa un referendo nun futuro próximo sobre o status político destes seis condados: se se manteñen baixo soberanía de Reino Unido ou ben se reunifican cos 26 condados irlandeses. Un 43,8 por cento oponse a esta idea.

Eire Nua

A comezos de setembro o Sinn Féin volveu poñer sobre a mesa a necesidade de avanzar para consultar democraticamente a poboación sobre que futuro político queren para os seis condados. Cómpre lembrar que hai uns meses e baixo o lema ‘Unha nova república: Máis fortes xunt@s'.o SF realizou o seu Ard Fheis. Unha cita na que tomaron parte centos de delegad@s do veterano partido republicano procedentes dos 32 condados da Illa, os 26 da República e os 6 do Ulster, sob goberno británico.

Soberanía, sen aditivos

No Ard Fheis, e segundo informaron desde An Poblacht e da RTE, a radio televisión pública irlandesa, as máis de 250 mocións a debate céntranse en cuestións como a economía produtiva, a defensa do dereito a vivenda ou do rural da Illa, nunha situación de despoboamento e forte crise (como en Galiza), así como o reforzamento da educación e sanidade pública.

“Debatimos e analizamos como tecer as estratexias para ir construíndo unha Irlanda unida, que sexa soberana, dona de seu, e en beneficio da sociedade”, sinalan desde a executiva.

Referendo

O voceiro republicano, Gerry Adams, afirmara que xa é hora de dar a voz ao pobo. Entende que unha Irlanda unida e soberana "xeraría emprego, prosperidade e investimentos", incidindo na soberanía como unha ferramenta acaída para combater a crise e optar por un outro modelo de desenvolvemento, en beneficio da maioría social da illa. "Xunt@s somos máis fortes", asegurou o responsábel do Sinn Fein.

Comentarios