O recoñecemento do Estado palestino na ONU avanza

Representantes diplomáticos da Autoridade Nacional presentan aos 193 Estados membros das Nacións Unidas, un proxecto de resolución que recoñeza o seu estatus de observador no seo da organización.
Mahmud Abbas ONU
photo_camera Mahmud Abbas, na ONU en 2011

Malia as ameazas proferidas polo presidente israelí, Benjamin Netanyahu, encamiñadas a persuadir ao pobo palestino da súa tarefa, a representación diplomática de Palestina continúa adiante na procura dun outro estatuto no sistema das Nacións Unidas. Neste senso, vén de presentar un proxecto de resolución que podería ser debatida na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, nunha data próxima.

O documento achegado reafirma o dereito do pobo palestino á autodeterminación e a independencia nun Estado de seu sobre as fronteiras históricas, delimitadas con anterioridade ao acordo de 1967. Neste senso e após décadas de loita a prol do seu recoñecemento como Estado de pleno dereito, suman xa 132 os países que amosaron o seu apoio á Autoridade Nacional liderada por Mahmud Abbas.

O documento achegado reafirma o dereito do pobo palestino á autodeterminación e a independencia

As presións estadounidenses

O proxecto de resolución, insta ao Consello de Seguridade a admitir a solicitude achegada por Palestina. Porén, en setembro de 2011, o presidente da Autoridade palestina presentaba unha proposta igual que finalmente non contou coa unanimidade necesaria após ameazaren os EUA --máximo aliado de Israel-- con empregaren o seu dereito a veto no máximo órgano de decisión das Nacións Unidas. Naquela altura, a UNESCO recoñecía a Palestina como membro de pleno dereito --con 107 votos a favor, 57 abstencións e 14 en contra-- decisión que motivou a aplicación dunha norma do ordenamento xurídico estadounidense pola cal calquera organización que recoñecese a Palestina provocaría a retirada dos fondos procedentes dos EUA. A UNESCO ficaba, deste xeito, sen o 21% do seu orzamento que era achegado pola administración estadounidense.

Os aliados israelís seguen negándose a recoñecer Palestina como un Estado independente, soberano, democrático, contiguo e viábel, pondo fin a anos de ocupación israelí. O vindeiro 29 de novembro a ONU conmemora o Día internacional de solidariedade co pobo palestino, data en que podería someterse a votación o proxecto para mellorar o estatus de Palestina na organización internacional.

Comentarios