O Reino Unido valora unha posíbel saída da UE

O primeiro ministro inglés, David Cameron, lanza un dardo a Bruxelas e abre a porta a un posíbel referendo sobre o mantemento do Reino Unido na UE.

Cameron, publicaba esta fin de semana no dominical The Sunday Telegraph, un artigo no que se declaraba disposto a convocar un referendo sobre a pertenza do Reino Unido á Unión Europea. Malia non ficar claro nin cando nin como se desenvolvería a consulta popular, o primeiro ministro inglés considera preciso determinar as condicións nas que se veu estabelecendo até o de agora a relación entre o Reino Unido e a UE. Lembremos que o país pertence ao mercado común mais non á zona euro, o que limita a súa capacidade de influencia sobre as decisións adoptadas a respecto dunha maior integración económica. O primeiro ministro xa solicitara en varias ocasións dende o comezo da crise na eurozona, participar no proceso de toma de decisións sobre a moeda única, ao entender que o seu país se vía moi afectado pola situación económica da zona euro. Non obstante, nin os tratados nin os países que comparten a moeda única, recoñecían esta posibilidade.

David Cameron, sinala o mercado común como o maior interese inglés para o seu mantemento na organización internacional mais entende que esa relación debe mudar á fin de aumentar “o poder e influencia británicos no mundo”. Neste senso, Cameron considera que a arquitectura actual da UE -e por ende a eurozona como núcleo duro desa organización, están a adoptar decisións e medidas que tenden a unha maior integración económica e política, afectando por igual a aqueles estados membros que non partillan a moeda única.

Así pois, o primeiro ministro inglés considera fundamental determinar que partes do compromiso cos seus veciños europeos queren manter e cales rexeitan. Para adoptaren tal decisión, o actual goberno británico cre necesario contar co apoio do seu pobo, quer nunhas eleccións xerais, quer a través dun referendo.

Na actualidade o Reino Unido mantén unha relación propia coa UE pois, malia integrarse na Comunidade Económica Europea en 1973, non se integrou na unión monetaria nin pertence á denominada zona Schengen -acordo político para a libre circulación de persoas, inda que posúe un acordo de cooperación. Entre as súas forzas políticas existen correntes dun profundo escepticismo europeo que, tradicionalmente, veñen defendendo a saída do país da UE.

O Tratado de Lisboa, aprobado no ano 2007 e en vigor dende 2009, recoñece por vez primeira a posibilidade de abandonar a Unión malia non ser doado. Asi pois, o país que o desexe poderá abandonar a organización após un proceso de negociación previo sobre as condicións nas que esta saída se produciría.

Comentarios