O bloco soberanista mostra a súa cohesión no Parlament

O recoñecimento simbólico de Puigdemont dará paso a un candidato alternativo

A maioría absoluta do bloco soberanista (JxCat, ERC e CUP) bastou para o Parlament aprobar esta quinta feira unha declaración política de recoñecimento da lexitimidade de Puigdemont como president. O texto condena o 155 e vén recoñecer que son as inxerencias do Estado -co seu aparato represivo- as que impiden a materialización da investidura de Puigdemont. Após unha transacción coa CUP, o pronunciamento elude reafirmar a DUI, para conxurar o risco dunha acción xudicial contra Roger Torrent e os membros soberanistas da Mesa do Parlament.

DUI
photo_camera Un momento do Pleno [Foto: NacióDigital]

A vontade democrática expresada polo pobo catalán 21 de decembro pasado debería resultar na investidura de Carles Puigdemont. É o candidato que reúne maior apoio da cámara. Non será así porque o Estado o impediría co uso da súa maquinaria represiva, a comezar pola prórroga do 155. Esa é a esencia da declaración aprobada esta quinta feira polo Parlament. É un recoñecimento simbólico do político exiliado en Bruxelas. Ao contar coa súa complicidade, desbloqueará o taboleiro catalán. Nas próximas horas agárdase que o político de Girona compareza para oficializar a súa disposición a dar paso a un candidato alternativo para a sesión de investidura. O debuxo é o dunha dupla presidencia: a simbólica -Puigdemont ao fronte dun Consello da República con sede na capital comunitaria- e a efectiva -cargo para o que se continúa a xogar co nome de Jordi Sànchez, embora o ex presidente da Assemblea Nacional Catalana continúe entre reixas.

O bloco soberanista mostrou, aliás, a súa cohesión. É certo que a CUP rexistou emendas dirixidas a reafirmar o contido da Declaración Unilateral de Independencia, mais tamén que ao final optou por transaccionar o texto con JxCat. A solución de compromiso foi deixar fóra toda alusión directa á DUI (para non expor á Mesa do Parlament a unha segura acción do Tribunal Constitucional) e, no seu canto, render un tributo retórico á "acción republicana".

En todo caso, ficou claro que a estratexia das forzas independentistas é neste momento auto-protexer as institucións catalás e non dar excusas ao aparato xudicial do Estado para actuar contra elas .

As forzas unionistas ameazaron con o levar aos tribunais ao presidente do Parlament, Roger Torrent, por terse limitado a validar as emendas da CUP, propostas de valorización da DUI que, após o acordo con JxCat, nen sequer foron votadas. 

Comentarios