26-O: ELECCIóNS EN URUGUAI

Pepe Mújica: “Eu confío que o domingo o pobo uruguaio vai manter o rumbo”

O presidente cre que haberá vitoria do Frente Amplio este domingo, pois nestes 10 anos de goberno “hai moita xente que está mellor”.

uruguai

Pepe Mújica non pode recuncar este domingo como candidato do Frente Amplio por limitación constitucional, mais non dubida dunha vitoria do FA conducida polo combo Tabaré Vázquez e Raúl Sendic. “Eu confío en que o pobo uruguaio vai manter o rumbo” manifestou Mujica nunha entrevista coa axencia arxentina Télam. O presidente uruguaio sinala que nestes anos de goberno frentista a vida de moitas persoas mellorou sensibelmente, alén de se daren avanzos en dereitos sociais e laborais e na creación de emprego.

As últimas enquisas concordan en apontar que haberá ‘balotaje’ (segunda volta) pois o Frente Amplio non conseguirá o domingo a maioría absoluta dos votos emitidos. En Uruguai o voto é obrigatorio. Sondaxes como a da canle VTV outorgan ao FA o 40,2% dos apoios nas urnas polo 27,7% do Partido Nacional ou o 11,3% do Partido Colorado.

En Interconsult concédenlle ao Frente Amplio o 44% dos votos, ao PN o 33% e Partido Colorado, 13%. Nos medios de comunicación uruguaios máis opositores ao goberno de Mújica e ao FA (El País) avogan por un pacto entre Partido Nacional e Partido Colorado no Parlamento para imporse ao FA.

"Contra a imposición"

Pola súa parte, o principal líder da oposición, Luis Lacalle (Partido Nacional), defendeu o seu proxecto como o mellor para Uruguai pois rodeouse, di, “dos mellores”. Pediu o apoio para “un goberno de conviccións e non un goberno de imposicións como o destes anos de Frente Amplio”.

Comentarios