Coñecido polos seus chíos reaccionarios en Twitter, Arturo Pérez Reverte aféalle ao Goberno de Marino Rajoy a “incapacidade” para mudar as liñas editoriais da imprensa internacional de referencia a respeito de Catalunya. Faino despois de que os grandes medios internacionais se pronunciasen contra a estratexia represiva do Estado español.
Nun chío que xa é viral, Pérez Reverte só cita Washington Post, The Time e Le Monde, aínda que son máis os medios críticos co papel opresivo do Goberno de Mariano Rajoy co soberanismo catalán. Di que cuestionan a democracia española, cuestión que semella non agradarlle. “Máis que o problema catalán, o que me aterra é a incompetencia deste Goberno de mediocres ineptos”, afirma en alusión ao Executivo do PP. “A súa incapacidade para desmontar no estranxeiro a campaña de desprestixio contra o Estado español”, agrega.
Pérez Reverte tense pronunciado nas redes sociais contra o dereito a decidir de Catalunya, mais non só. Tamén ten realizado comentarios machistas, mesmo con insultos cara ás mulleres. O escritor, contrario á linguaxe non sexista, cualificou de “analfabetos” a quen denunciaron que “muller fácil” estivese recollido no dicionario da Real Academia Española co significado “Dito especialmente dunha muller: Que se presta sen problemas a manter relacións sexuais”.