O PSOE gaña en Andalucía, con afundimento de PP e IU e entrada de Podemos e C's

Os resultados amosan unha vitoria de Susana Díez pero lonxe da maioría absoluta e caendo en votos. Os populares -en cuxa campaña se involucraron Rajoy e Feijóo- sofren un descalabro e perden 17 escanos, IU obtén un mal resultado e fica con menos da metade de actas que tiña, Podemos é terceira forza e Ciudadanos tamén entra con pegada. 

susan-crop
photo_camera Susana Díaz

Con escrutinio practicamente pechado, en Andalucía -territorio con moitas dinámicas políticas propias- a primeira gran proba de fogo para o bipartidismo do ciclo electoral que se abre prende todas as alarmas para o PP e dá un pouco de aire ao PSOE (que adiantou a convocatoria buscando un gran éxito que roza pero non consegue) namentres que Podemos obtén un relevante resultado pero talvez por baixo das propias expectativas, Ciudadanos entra lonxe dos números da formación de Teresa Rodríguez e Pablo Iglesias pero cun enorme éxito e Izquierda Unida queda en menos da metade do que era. 

O PSOE gaña con 47 escanos, os mesmos que tiña, lonxe dos 55 que marcan a maioría absoluta. Susana Díaz gaña forza -pero tampouco demasiada- para loitar contra Pedro Sánchez a nivel estatal. O PP -nunhas eleccións en cuxa campaña molláronse Rajoy e Feijóo- sofre unha desfeita e fica en 33 deputad@s, dos 50 cos que contaba. Podemos entra con músculo e 15 escanos, pero esperaban algún máis. Menos forza amosa Ciudadanos pero queda con mellor sabor, ao lograr 9 actas, moitas máis que IU, que tiña 12 e vaise a 5. UPyD non acada representación, tampouco o Partido Andalucista.

Subiu a participación en Andalucía tres puntos nunha xornada sen apenas incidentes e que abre un escenario algo distinto no Estado, pero non tan radicalmente diferente como se esperaba. 

Análise

Andalucía non marca tendencia a nivel estatal e menos galego, pero os resultados -tamén porque daban comezo ao carrusel de convocatorias- teñen unha importancia maior. Sen dúbida, o gran derrotado é o PP, e non só o seu descoñecido candidato Moreno Bonilla senón moi especialmente Mariano Rajoy e tamén Alberto Núñez Feijóo, que puxeron a cara en Andalucía, onde a súa formación perde 17 escanos. Pola outra banda, volve o PSOE? Sería moito dicir. Mantén deputad@s, no que é un mérito persoal de Susana Díaz que non se sabe se se estenderá a outros territorios e que ademais ten que situarse nos seus parámetros: perde máis de 125.000 votos. Seguramente gobernará en solitario con apoios puntuais.

Podemos entra con forza e músculo, porén esperaba un chisco máis, pero o fol que está perdendo nos últimos dous meses xa se fai notar lixeiramente, nunha dinámica contraria á de Ciudadanos, que ten apoios moi importantes nos poderes e xa compite co PP no seu caladoiro de votos e resulta toda unha ameaza estatal para o partido gobernante co seu importante balance andaluz. Izquierda Unida paga os seus acordos co PSOE, certa imaxe inmobilista e a competencia de Podemos e fica en mala situación nunha comunidade na que estaba moi asentada. UPyD semella condenada a ser devorada por C's.

Non estaba previsto que caese o bipartidismo en Andalucía, si que sufrira. Talvez máis. Pero segue en crise malia salvar sen devastacións o obstáculo do sur peninsular. Seguinte paso, as municipais.  

Comentarios