Un "refuxio" a salvo do cambio climático no mar de Weddell

Investigacións científicas na Antártida confirman a existencia dun "refuxio climático" no remoto mar de Weddell. A proba: case 40.000 crías de pingüíns Adelaida en tres puntos do mar de Weddell. Após unha década, as colonias desta especie permanecen estábeis.
Colonia de pingüíns Adelaida en Devil Island, Antártida (Foto: Tomás Munita / Greenpeace).
photo_camera Colonia de pingüíns Adelaida en Devil Island, Antártida (Foto: Tomás Munita / Greenpeace).

Greenpeace realizou durante o mes de xaneiro unha expedición antártica con científicos a bordo da Universidade de Stony Brook (Nova York, EEUU) na que descubriron que vastas colonias de pingüíns Adelaida (tamén coñecidos como Adelia) mantivéronse estábeis durante a última década no remoto mar de Weddell.

Isto, afirma a asociación ecoloxista, proporciona unha nova evidencia real de que estas áreas son un refuxio climático para estas poboacións de pingüíns Adelaida, considerada unha especie sentinela.

Un refuxio esencial

As colonias de Adelaida en Penguin Point, Devil Island e Vortex Island teñen un tamaño de poboación máis ou menos similar ao da última vez que foron rexistradas. Os científicos contaron 21.500 pitos de Adelaida en Penguin Point, 11.978 en Devil Island e 6.397 crías en Vortex Island.

Todos foron estudados por última vez antes de 2010. Polo que este descubrimento supón un importante reforzo á teoría de que o mar de Weddell pode proporcionar un refuxio importante para a biodiversidade dos peores impactos da crise climática.

Mar de Weddell

O mar de Weddell é o espazo mariño onde se propuxo por primeira vez hai case unha década unha gran Área Mariña Protexida (AMP) pola Comisión do Océano Antártico (CCAMLR nas súas siglas en inglés) que aínda non foi aprobada. 

Os datos recollidos agora reforzan a necesidade urxente de protexer e preservar o mar de Weddell mentres poida conservar un ecosistema intacto e en pleno funcionamento estrutural, defende Greenpeace, que volve pór o foco sobre un Tratado Global dos Océanos.

"É asombroso ver lugares da Antártida que aínda están protexidos dos peores impactos da crise climática. Os gobernos necesitan protexer xa esta área. O ano pasado, fracasaron unha vez máis en darlle ao mar de Weddell a protección que necesita, unha década despois de prometer a súa protección. Instámolos a que actúen antes de que sexa demasiado tarde", declarou Louisa Casson, responsábel da campaña desde o Arctic Sunrise no mar de Weddell.

Na actualidade, só o 5% das augas antárticas están protexidas, a pesar do compromiso que tiña a Comisión de ter completada unha rede representativa de áreas mariñas protexidas para 2012, salienta Greenpeace.

Protección

Neste sentido, advirte que a semana pasada, os científicos de Stony Brook a bordo do Arctic Sunrise descubriron unha nova colonia de cría de pingüíns papúa na illa Andersson. Este descubrimento proporciona pistas de que o ecosistema no límite externo do mar de Weddell está a cambiar, aínda que de maneira que non parece impactar negativamente nos pingüíns Adelaida.

"O mar de Weddell dificilmente é inmune ao cambio climático, pero parece que os pingüíns Adelaida que se reproducen nesta área permanecen protexidos da peor das ameazas ás que se enfrontan esas poboacións que diminúen tan rapidamente no lado occidental da península Antártica, onde as temperaturas están a aumentar. A nosa comprensión da ecoloxía nesta paisaxe inhóspita continúa crecendo cada ano, pero todo o que aprendemos apunta cara ao seu valor para a conservación", conclúe a doutora Heather J. Lynch, profesora de Ecoloxía e Evolución na Universidade de Stony Brook.

Comentarios