Sétima morte en Nova Caledonia logo de que Macron cedera e suspendera a reforma electoral

As protestas independentistas levan activas case dúas semanas co obxectivo de frear a lexislación imposta por París.
Emmanuel Macron despois de aterra en Nova Caledonia. (Foto: Presidencia de Francia)
photo_camera Emmanuel Macron despois de aterrar en Nova Caledonia. (Foto: Presidencia de Francia)

No duodécimo día das protestas en Nova Caledonia en contra da reforma electoral que aspiraba a implementar o presidente francés, Emmanuel Macron, para reducir o peso nos comicios da poboación orixinaria, favorábel á independencia do arquipélago, un policía asasinou a quinta feira un home de 48 anos, aducindo que foi agredido fisicamente, o que supón a sétima morte desde o comezo das mobilizacións, que inclúen bloqueos de estradas, no marco das que Francia declarou o estado de emerxencia e enviou o Exército.

Isto contrasta coas afirmacións francesas nas últimas xornadas de que a situación se calmara no territorio. As protestas tamén elevaron o prezo do níquel a nivel mundial, posto que Nova Caledonia conta coas quintas reservas máis grandes e foi o pasado ano o terceiro produtor global.

Viaxe de Macron

Macron desprazouse ao arquipélago, onde se reuniu con forzas unionistas e independentistas, entre eles con Christian Tein, que encabeza a Célula de Coordinación das Accións no Terreo (CCAT).

Este grupo, responsábel das protestas, fora definida polo Goberno francés como “un grupo mafioso que claramente quere introducir a violencia”, cualificativos criticados polo liderado indíxena.

Con posterioridade, o mandatario aseverou que se comprometeu a non forzar a reforma “no contexto actual”, deixando pasar “algunhas semanas para permitir o acougamento e a reactivación do diálogo de cara a un acordo global”. 

"Voto de autodeterminación"

Así e todo, remarcou que o “novo acordo global” debe incluír unha reforma do censo electoral, un plan para reducir a dependencia do níquel na economía e a “cuestión dun voto de autodeterminación”.

Comentarios