O SNP incluirá no seu programa para as eleccións de 2016 a cuestión dun segundo referendo independentista

O goberno británico avisa o executivo escocés que, despois da consulta de 2014, non haberá outra nos vindeiros 15 anos.

Colante pola liberdade da Escocia
photo_camera Colante pola liberdade da Escocia

Despois de comentarios e ruxe-ruxes sobre a posibilidade dun segundo referendo de independencia, a primeira ministra de Escocia e líder do SNP, Nicola Sturgeon, comprometeuse a que a cuestión dunha nova consulta estaría no programa do partido para as eleccións de 2016 ao Parlamento escocés. Sturgeon avanzou que o programa incluiría cales serán as “circunstancias e os termos” nos que se convocaría un novo refrendo.

A primeira consulta tivo lugar en setembro de 2014 e nel o 45% dos votantes apoiaron a independencia fronte a un 55% que apostou en manter Escocia dentro do Reino Unido. A derrota, porén, non fixo senón aumentar as filiacións e expectativas de voto do SNP.

Mais a primeira ministra escocesa non é partidaria de precipitar unha segunda consulta. A votación faríase só se hai un apoio amplo á independencia. As últimas enquisas de opinión apontan a que a opción independentista atinxiría nun novo referendo entre o 48 e o 53% dos votos (porcentaxe superior á de 2014).

O 'Non'

Dos aspectos a ter en conta para o novo referendo están nos “termos”, como quen terá capacidade de decidir que hai que facer esa consulta. O SNP ten claro que é algo que corresponde exclusivamente ao “pobo de Escocia”. Moi diferente é a postura do goberno británico e os partidos que apoian da 'unión'. O secretario de goberno británico para Escocia, David Mundell, avisou que durante os vindeiros 15 anos non habería referendo.

Mais Edimburgo non tira a toalla. Mesmo hai no SNP quen indica que se non se producen os traspasos de competencias que Londres se apresurou a prometer na campaña do 'Non' á independencia, abriría á porta para a consulta.

Información tirada de Nationalia.

Comentarios