Case 30.000 persoas saen á rúa en Francia pola oficialidade do occitano, o bretón, o corso e o euskera

A máis nutrida das mobilizacións do 24-O na defensa das linguas e culturas 'minoritarias' do Estado francés decorreu en Montpellier, 15.000 manifestantes. 

Occitano

O 24-0 estaba marcado en vermello no calendario das persoas comprometidas coa defensa das linguas e culturas dos diferentes pobos do Estado francés desde había meses. Fixárase como unha xornada de mobilización para reclamar protección e oficialidade de idiomas como o occitano, o bretón, o alsaciano, o euskera ou o corso. En total, case 30.000 persoas tomaron parte nas diferentes marchas convocadas.

A máis nutrida, con 15.000 persoas, foi a que tivo lugar en Montpellier polo idioma occitano. O Institut d’Estudis Occitans e Calandretes – escolas asociativas na lingua de oc- convocaron a mobilización. É a quinta vez que se chama a saír á rúa baixo o lema ‘Anem Òc! Per la lenga occitana’ e coincidirá co décimo aniversario da primeira, en Carcassona. IEO e Calanderetes sinalan que a regresión no uso do occitano e os perigos “cada vez máis grandes que ameazan a nosa lingua” son os motivos polos que convocar unha mobilización que queren que sexa unha expresión clara de compromiso na defensa deste idioma. O Movemento polos Dereitos Lingüísticos ‘Falantes’ lembraba en 2012, co gallo da mobilización daquel ano a prol do occitano, que a situación legal dos falantes de occitano non era uniforme xa que a lingua se estende por 3 estados europeos diferentes. En Francia, afirmaban, non se teñen sequera datos fiabeis do número de falantes, que se estima pode roldar o millón e medio. Malia existiren iniciativas privadas como as Calandretas, -escolas bilingües-, a política lingüística francesa seguía centrada na exclusiva promoción do francés.

Breizh, Alsacia, Córsega, Iparralde

Máis de 5.000 persoas, segundo os convocantes, se manifestaron en Karaez o 24-O polo bretón e o galó, as dúas linguas propias de Bretaña (Breizh). Tamén o sábado, por volta de mil persoas participaron nunha concentración en Córsega para reclamat a oficialidade do idioma corso. Os asistentes fixeron unha 'granitula', unha marcha propia da illa mediterránea.

Non faltaron a esta cita os vascos, con máis de 5.000 persoas a percorrer Baiona para demandar que o euskara sexa oficial en Iparralde (a parte de Euskal Herria sob soberanía francesa). Tamén se reivindicou a constitución dunha institución propia de auto-goberno en Iparralde.

E perto de mil persoas tomaron parte en Estrasburgo nun acto para demandar a oficialidade do alsaciano, demandando que Alsacia sexa un territorio realmente bilingüe

Comentarios