Trump ameaza a Venezuela cunha agresión militar

O presidente dos EUA declara publicamente non descartar unha “opción militar” contra a república bolivariana. A ameaza chega poucas horas despois do presidente venezuelano, Nicolás Maduro, ofrecer a Washington retomar o diálogo.

trump_bestmonkey
photo_camera Donald Trump. [Foto: Business Monkey News]

"Non vou descartar unha opción militar”. Con esa afirmación o presidente norteamericano, Donald  Trump, ameazaba publicamente cunha agresión á República Bolivariana de Venezuela. “Temos varias opcións sobre Venezuela, incluída a militar de ser necesario” declarou o mandatario e comandante en xefe da maior forza militar do planeta. Fíxoo nunha rolda de imprensa desde o campo de folg de Bedminster (New Jersey) propiedade do seu holding empresarial, onde pasa as súas ferias estivais. Na comparecencia estivo flanqueado polo secretario de Estado, Rex Tillerson e mais a embaixadora dos EUA diante das Nacións Unidas, Nikki Haley.

_VÍDEO: DECLARACIÓNS DE TRUMP SOBRE VENEZUELA (11/08/2017)

Desta maneira, Trump volveu botar man da súa retórica belicista que esta mesma semana xa utilizara contra a República Popular Democrática de Corea do Norte para lle advertir a Kim Jong Un que enfrontará “furia e lume como nunca antes” no caso de Pyonyang atacar a illa de Guam. “Hai moitas opcións sobre Venezuela, é o noso veciño. Temos tropas en todo o mundo, en sitios moi afastados, pero Venezuela non está tan lonxe e a xente está sufrindo e morrendo” acrecentou o presidente dos EUA. Interrogado a respeito de se os EUA liderarían esa agresión e se con ela procúrase un cambio de réxime no país latinoamericano, Trump limitouse a dicir “non imos comentar sobre iso”. 

A ameaza militar é o último episodio na ofensiva emprendida polos EUA e os seus aliados, singularmente a Unión Europea, en contra do goberno constitucional de Nicolás Maduro e a Asemblea Nacional Constituínte elixida o pasado 30 de xullo. A semana pasada Washington incorporou a Maduro na súa “lista negra” internacional e esta cuarta feira o Departamento de  Estado impuña novas sancións económicas contra oito altos funcionarios do goberno venezuelano. 

As declaracións de Trump foron respondidas polo ministro de Comunicación e Información de Venezuela, Ernesto Villegas. O ministro acusou os EUA de tentaren “repetir un formato de intervención aplicado en países como Libia ou Iraq”. “Aquí [en Venezuela] non poderán entrar xamais, sen que iso teña unhas consecuencias colosais, extraordinarias e inusuais na historia do continente”, advertiu Villegas.

Oferta de diálogo

A ameaza norteamericana prodúcese apenas horas despois de que o presidente venezuelano, Nicolás Maduro, apostase en reiniciar o diálogo con Washington. Durante a sesión especial da Asemblea Nacional Constituínte, Maduro deu instrucións ao ministro de Exteriores, Jorge Arreaza, para que realizase xestións encamiñadas a facilitar unha “conversa” directa con Donald Trump. 

_VÍDEO: MADURO ORDENA XESTIONAR UNHA CONVERSA CON TRUMP (10/08/2017)

 

"Mister Donald Trump aquí está a miña man" ofreceu o presidente Nicolás Maduro

“Eu creo na diplomacia e (...) ratifícolle ao presidente Donald Trump o meu desexo de reestablecer relacións políticas, de diálogo de respeito, en termos de igualdade”, ofrecía o presidente venezuelano. “Se esta tan interesado en Venezuela aquí estou eu, aquí esta o xefe do seu interese. Mister Donald Trump (sic), aquí está a miña man, se de mans se trata, aquí está a miña palabra, que a teño”, proclamou Maduro. No entanto, as declaracións realizadas polo presidente norteamericano anticipan que ese diálogo non se materializará polo momento.

Ameaza real ou bravata?

A linguaxe diplomática da administración Trump é verbosa en palabras grosas. A ameaza é unha constante nas mensaxes dirixidas desde Washington cara ao exterior, nunha retórica belicista que politicamente serve para reafirmar a hexemonía imperial dos EUA e que estimula a poderosa industria armamentística norteamericana. É difícil discernir canto hai de verdade nas declaracións de Trump e canto de matonismo discursivo. 

O asesor de Seguranza Nacional de Trump desbotou o 5 de agosto a posibilidade dunha "acción militar" contra Venezuela

No caso concreto de Venezuela, a posibilidade dunha intervención militar norteamericana era desbotada hai poucos días polo xeneral H.R. McMaster. O asesor de  Seguranza Nacional do presidente Trump cualificaba de “improbábel” ese escenario. “Non vexo unha intervención militar externa”, asegurou. Durante unha entrevista concedida á MSNBC o pasado 5 de agosto, McMaster argumentaba que unha agresión directa contra Venezuela sería contraproducente para os EUA ao dar argumentos ao goberno de Nicolás Maduro. O militar lembrou o resentimento histórico que provocaron outras intervencións norteamericanas en América Latina.


Unha valoración diferente realiza a analista Eva Golinger. A xornalista americano-venezuelana advertiu desde o seu perfil na rede social Twitter, que “unha acción militar dos EUA contra Venezuela é unha posibilidade real”. “Trump é impaciente, o petróleo é chave e a oposición [venezuelana] seguro que o pediu”, acrecentaba. Golinger xulga ademais que nos últimos meses se teñen favorecido desde a dereita opositora, no interior, e a presión internacional, no exterior, para tentar lexitimar unha agresión contra a soberanía venezuelana. “Do punto de vista mediático, a mesa xa está servida para xustificar algunha intervencións dos EUA en Venezuela desde hai tempo”.

A analista Eva Golinger advirte de que a agresión é "unha posibilidade real". En 2011 xa alertou dos plans de Washington de invadir Venezuela.

A investigadora xa revelou en 2011 a existencia dun documento no que se visaban as “intencións bélicas dos EUA contra Venezuela e Libia. Golinger aludía á “Doutrina de Guerra Irregular da Armada dos Estados Unidos”, un documento datado en 2009 no que se trazaba un novo mapa bélico que atinxía a maioría dos países de Asia Central, o Oriente Medio, o norte de África e Venezuela. “Hai algo que teñen en común estes países: as más grandes reservas estratéxicas do mundo. Pouco a pouco, os EUA viñeron estendendo a súa guerra por todos estes territorios, procurando apropiarse dos seus ricos recursos”, alertaba seis anos atrás.  Dentro dese plan imperialista inscribiríase unha eventual invasión a Venezuela, bosquexada no chamado “Plan Balboa” que foi ensaiado como exercicio militar no Estado español na altura do ano 2001. “A estratexia [do Plan Balboa] era invadir e atacar a Venezuela desde as bases militares de Estados Uunodos en Colombia, Panamá, Aruba e Curazao, e Porto Rico, ocupando a zona occidental do país, desde Zulia a Apure (a media lúa venezuelana) e tomando o control da mesma. Era un plan secesionista que buscaba dividir Venezuela en dúas partes, deixando o control sobre as reservas petroleiras en mans das forzas invasoras” relata Golinger. 


A hipótese da invasión non parece tan afastada nin imposíbel, toda vez que o presidente Trump utilizou expresamente o termo “tropas” e a súa localización nas proximidades de Venezuela nas súas declaracións.

Comentarios