Trump atribúe a súa falsa historia sobre un atentado en Suecia a que viu unha reportaxe en Fox News

Este sábado o presidente dos EUA falou perante 9.000 persoas nun mitin en Florida. Nel perpetrou un alegato contra o que cualificou como "meios deshonestos". E nel inventou un atentado, un falso ataque que nunca existiu, en Suecia.

Donald Trump EUA

Pode o presidente dos EUA referirse nun discurso público a un atentado imaxinario? Pois si, acaba de ocorrer e mostra que as equipas de comunicación de Trump, ao que en teoría deben pór ao día da actualidade, están tan verdes como o propio presidente.

Trump discursaba o sábado perante un ateigadísimo auditorio e largaba o seu consabido discurso sobre a necesidade de vetar a entrada de inmigrantes provenientes de países de maioría musulmá (non todos, están exentos aqueles que viven en países onde as súas empresas fan negocio, como Xordania ou Arabia Saudita). Na súa intervención foi cando deslizou unha alusión á comisión dun atentado en Suecia como proba palpábel do que pode acontecer se os gobernos non endurecen as súas políticas. Só un pequeno problema. O atentado non aconteceu. Non existiu.

Ante o escándalo evidente (o ex ministro sueco Carl Bildt perguntouse en twitter que fumara Trump), o presidente dos EUA reaxiu atribuíndo a falsa historia a unha reportaxe que vira en Fox News, a televisión cabeceira da direita norteamericana.

No mitin en Florida, Trump non só defendeu a súa política anti-migración, vetada polo poder xudicial do seu país, senón que tamén atacou os meios de comunicación que lle son críticos, aos que cualificou de "media deshonestos" e os que acusou de inventaren noticias para o prexudicar neste comezo do seu mandato.

Comentarios